Nin “Sangenjo” nin "Orense”, reclámalle ProLingua á RAE

Nin “Sangenjo” nin “Orense”, a plataforma ProLingua diríxese á RAE para que mude as súas recomendacións en materia de topónimos xa que contemplan nos seus manuais as formas deturpadas ilegais. Consideran que a RAE voga en sentido contrario  por motivos ideolóxicos e extralingüísticos. 

RAE
photo_camera RAE

ProLingua esíxelle á Real Academia Española a través dunha carta que reconsidere os seus ditames sobre  a toponimia galega e remítelle a misiva tamén a Real Academia Galega, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e aos partidos políticos para que presionen á RAE a mudar o emprego de nomes de lugares deturpados. 

A plataforma lembra que tanto no Diccionario panhispánico de dudas como na última edición da Ortografía de la lengua española do ano 2010 recoñécese que se poden usar formas que non están contempladas na legalidade vixente como “Sangenjo” ou “Orense”. 

“Nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas” é o título dunha carta que comeza dando conta da deturpación dos nosos topónimos en libros escolares e medios de comunicación para indicar que é posíbel que empreguen así os nomes por ignorancia da formas oficiais mais tamén pode ser “que actúen así por seguir as recomendacións e ditames da RAE en moitas ocasións enfrontados coa legalidade vixente”. 

Ilegalidades para as dúbidas

Recollen o consello da RAE de que “en textos escritos en castellano debe empregarse el topónimo castellano”, no Diccionario panhispánico de dudas no que aínda recoñecen como oficial "La Coruña" ou "Orense".

Como outro dos casos que deixa á vista a actitude da RAE está tomado da Ortografía de la lengua española (2010), na que contempla que “los hispanohablantes pueden emplear, siempre que exista, la forma española de estos nombres geográficos, y transferir aquellos topónimos que posean una expresión única, catalana, gallega o vasca”,  poñendo como exemplo “Paso la mayor parte del verano en Sangenjo”. 

Argumentan a súa solicitude, non só no cumprimento da legalidade vixente que recoñece como oficiais unicamente as formas en galego senón ao tratamento que a RAE lle dá aos exónimos, nomes de lugares noutras linguas, ámbito no que recomenda o uso da lingua de orixe. Pídenlle, polo tanto, que revise os ditames e recomendacións sobre a toponimia galega e que respecten a forma única dos nomes de lugares sexa cal sexa a lingua na que se fale. “Non damos comprendido esa teima a contracorrente e paralegal da RAE se non é por motivos estritamente ideolóxicos e extralingüísticos”.

Reclámalle á Real Academia Galega e solicita que a RAG, Política Lingüísica e os partidos políticos e demais entidades e particulares tamén o fagan que “respecte a toponimia autóctona da lingua galega (non tan diferente como para provocar descoñecemento nun hispano falante) e que recomende o seu respecto nos manuais de estilo dos medios de comunicación e das editoriais e aos responsables de universidades, corpos e forzas de seguridade do estado, administracións públicas etc”. 

Comentarios