Nin “Ginzo” nin “Arosa”, a Mesa esixe ás canles televisivas respecto cos nosos topónimos

Nin “Ginzo de Limia” nin “El Ferrol” nin “Ría de Arosa” nin “El Cebrero”. A Mesa esixe á TVE e Telecinco que abandonen os nomes deturpados e usen a nosa toponimia oficial. Os casos recentes de topónimos españolizados provocaron numerosas queixas contra as televisións españolas. 

.
photo_camera .

“Doe nos ollos que se cheguen a chamar Ría de Barosa (sic) a Ría de Arousa ou que se resuciten do franquismo híbridos como Ginzo de Limia e El Ferrol”, dixo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e o certo é que os nomes deturpados sobreimpresos nas pantallas causaron irritación nestes últimos días en programas informativos emitidos tanto en Telecinco como na TVE. Denuncian tamén a pasividade da Xunta que non está a cumprir a súa obriga de protexer o noso patrimonio lingüístico.

Como un “revival de toponimia galega deturpada” cualifican desde a Mesa o que aconteceu nos últimos días e que levou á queixa que veñen de presentar diante da televisión pública estatal TVE e a privada Telecinco. Lémbranlle ás direccións de ambas canles que desde hai máis de tres décadas os nomes de lugar teñen unha única forma oficial legal que é a galega. 

Nin inxenuidade nin ignorancia

Nin inxenuidade nin ignorancia son xa argumentos, ao ver da MNL, para xustificar o que volve a acontecer e por iso, Carlos Callón denuncia  “unha clara decisión política en TVE” da man do PP para non respectar a toponimia oficial, o que, segundo engade, vén acompañado dun desprezo pola realidade galega en xeral.

A Mesa ve "motivacións ideolóxicas" e a man do PP na deturpación da toponimia galega por parte de TVE e Tele 5

Alén dos informativos, nos que nestes días se repetiron os ataques á toponimia oficial, a Mesa lembra as denuncias perante a Defensora do Espectador polo uso de “Villagarcía de Arosa”, no programa de entretemento “Saber y ganar” e tamén que o incumprimento da lei por parte de TVE foi tratado en diversas ocasións no Congreso dos Deputados. 

Pola súa banda, “La Coruña”, “La Guardia” ou “El Cebrero”, foron deturpacións detectadas tamén de maneira reiterada nos informativos dirixidos por Pedro Piqueras en Telecinco, cadea que está a destacar no desleixo no uso das formas oficiais da nosa toponimia.  

 “Sen dúbida responde a motivacións ideolóxicas, en liña coa involución no respecto á diversidade lingüística e cultural do Estado que se está a impor nos últimos anos desde o poder”, defenden desde a MNL coa acusación de que ambas canles televisivas están a “subverter a lexislación” coas súas actuacións.

Comentarios