NGB tamén está a ser desgaleguizada no idioma

A Mesa alerta: “Hoxe é case imposíbel asinar un contrato en galego en Novagalicia Banco” e denuncia que desde que a entidade é propiedadade do Estado, “o uso do galego está a retroceder”.

Protesta na oficina de NGB en Compostela
photo_camera Protesta na oficina de NGB en Compostela

Novagalicia Banco (NGB) está a retroceder no uso do galego desde que é propiedade do Estado español. Así o denuncia A Mesa pola Normalización Lingüística, que afirma que “hoxe é case imposíbel asinar un contrato en galego en Novagalicia Banco”. O proceso de desmantelamento do sistema financeiro galego, coa venda de NGB ben sexa a un banco español ben sexa a un fondo de investimento, vai da man da desgaleguización da entidade.

"Hai oficinas, como a principal en Vigo, que mudaron a sinalización para que deixase de estar en galego"

O presidente da MNL, Carlos Callón, lembrou que após unha campaña impulsada pola asociación centrada no sector financeiro houbo “importantes avances” na normalización das entidades galegas, mais que tras o seu desmantelamento e venda estes avances se están a converter “en auga de castañas”.

Propaganda

Desde que o Estado se fixo co control de Novagalicia Banco, informan desde A Mesa, “son evidentes os pasos atrás que desde o punto de vista lingüístico que están a dar, malia que propagandísticamente se nos queira convencer da galeguidade do proxecto”.

Así, se A Mesa xa conseguira hai anos que Caixa Galicia ou Caixanova garantisen a opción para a clientela de escoller o idioma de relación con estas entidades e que dispoñibilizasen a maioría dos seus contratos legais na nosa lingua, “hoxe é case imposíbel asinar un contrato en galego con Novagalicia Banco, que só conserva un ou dous modelos no noso idioma”.

Comentarios