Malia aumentaren, poñer nome galego ás crianzas segue a ser minoritario

Sara, para as nenas, e Hugo, para os nenos, foron os nomes máis postos ás crianzas nadas na Galiza en 2011. Para os nomes en galego hai, en ambos os casos, que ir ao número 13 dos máis habituais: Antía para nenas e Iago para nenos. En Euskal Herría os catro nomes máis comúns para @s nad@s o ano pasado foron en éuscaro, tanto para eles como para elas. En Catalunya acontece algo semellante
galego

Os tres nomes máis habituais entre os nenos nados en 2011 na Galiza foron Hugo, Mateo e Pablo. Entre as nenas, Sara, Lucía e Noa. Para atopar nas crianzas que viñeron ao mundo o ano pasado no noso país nomes propiamente en galego hai que saltar até o posto 13 dos máis empregados, tanto para eles, como para elas. Para as nenas foi Antía. Para os nenos, Iago.

E tras Antía, o nome en galego máis posto ás crianzas foi Iria (posto 14), Uxía (16), Sabela (17) e Xiana (33). Entre os varóns, e após o mencionado de Iago, figuran Brais (14), Anxo (18), Antón (21) e Xoel (25).

Aínda que nos últimos anos aumentou de xeito importante no noso país a opción de poñer nomes en galego ás crianzas, segue a ser unha realidade moi por detrás do que acontece noutras nacións do estado. Así, en Euskal Herria, os catro nomes máis empregados para os e as nadas en 2011 foron en euskera, tanto para eles (Iker, Markel, Oier e Jon) como para elas (Ane, June, Uxue e Irati).

Entrementres en Catalunya os catro nomes máis habituais nas crianzas varóns que viñeron ao mundo en 2011 foron en catalán (Marc, Àlex, Enric e Pol). Nas mulleres, o máis habitual foi Martina, mais o segundo xa foi para unha forma nidiamente catalá (Laia).

As listaxes dos nomes máis empregados para os nados na Galiza en 2011 poden consultárense aquí e aquí

Comentarios