Nel Vidal: “Por vez primeira o proceso de normalización está a ser regresivo"

O próximo sábado a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CTNL) desenvolverá a súa asemblea xeral. O seu presidente, Nel Vidal Barral, técnico no Concello de Carballo, trasládanos a valoración do colectivo que traballa pola normalización e que está a vivir o momento de maior precariedade e maiores retrocesos no proceso dos últimos tempos. 

Nel Vidal
photo_camera Nel Vidal

-Un dos obxectivos de CTNL é detectar eivas no traballo de normalización lingüística, cales son as máis notorias?

Distinguiría dous tipos de eivas, unhas fixadas no Estatuto, é dicir, de carácter técnico derivadas da administración ou do goberno que deberían ser as máis fáciles de mudar e logo están as eivas sociais que son consecuencia do proceso histórico, dos prexuízos e da propia situación, máis complexas para transformar. O que pretende o traballo de normalización é rematar con eses prexuízos mais é preciso tamén mudar as outras eivas para facer efectivo o traballo de normalización.  A nivel político e administrativo temos unha lexislación moi frouxa coa que é difícil avanzar e, polo outro, non hai unha estrutura técnica forte para facer unha planificación e intervención de acordo coas necesidades. 

-Coa petición da anulación da convocatoria de cursos CELGA reclamaron tamén maior planificación por parte da Xunta, detectan entón déficit na política lingüística? 

Reclamamos planificación, servizos técnicos e coordinación. Agora mesmo hai arredor de corenta servizos de normalización pero traballando de xeito independente cando tiña que existir unha planificación global que debía devir da Xunta. O que acontece é que na administración galega non hai ningún servizo técnico e o exemplo é o que acontece con accións como o programa CELGA. Estamos a anos luz de Cataluña, mais tamén do Quebec, Euskadi ou mesmo o País Valenciá. En Cataluña, poño por caso, existen estrutura de normalización para intervir no conxunto do país con medios e recursos. 

"En lugar de normalizar, “desnormalízase”, enviando mensaxes prácticas contrarias ao galego desde o propio goberno".

-O desmantelamento non cesa e así os orzamentos de 2014 contemplan menos dun terzo do que Fraga lle dedicaba hai vinte anos. Como interpreta esta redución de cartos para normalización lingüística? 

En 1993 o orzamento era o equivalente a 20 millóns de euros e agora sitúase nos 5 millóns. Sempre se di que nos orzamentos é onde mellor se pode valorar a liña política, as preferencias dos gobernos e, se sempre foron reducidos, agora son nulos. Que significa isto? Unha paralización total do proceso. Por exemplo, antes dábanse axudas públicas para o proceso de galeguización das empresas que agora xa non existen, antes se promovía que as asociacións fixesen intervencións de normalización que desapareceron. Un millón douscentos mil era o orzamentos para os equipos de normalizacións dos centros de ensino e agora quedou en douscentos mil, unha sexta parte. Se un centro antes contaba con 3.000 ou 2.500 para actividades de normalización, agora recibe 200 ou 250. E así ámbito por ámbito, nos concellos, nos cursos de formación, nas campañas desde a administración... a parálise é total. Para a política lingüística son necesarias persoas e cartos mais mesmo sen diñeiro poderíase facer algo mais mesmo así,  vaise no sentido contrario, en lugar de normalizar, “desnormalízase”, enviando mensaxes prácticas contrarias ao galego desde o propio goberno. De nada serve, poño por caso, desenvolver campañas para incentivar o galego nas empresas se o conselleiro de industria se dirixe a elas en español. 

 -Durante moito tempo criticouse o uso “litúrxico” da lingua, que se empregase en actos oficiais mais non na práctica normal. Agora, polo que di, mesmo xa nin se mantén...

O problema do uso litúrxico que tanto se criticaba non era que  se usase o galego nos actos oficiais senón que se deixase de usar na comunicación informal. O que acontece agora é que se deixou de usar tamén nesas actos formais. 

-O goberno podería explicar esa, digamos, “relaxación” na política lingüística se o proceso de normalización estivera avanzado. É ese o caso?

Nin moito menos e abonda dar un paseo polas cidades para ver que o galego está practicamente invisibilizado, achegarse aos quioscos e ver como a presenza é mínima nos medios de comunicación. Abonda con ter ollos e orellas para comprobar que aínda que nalgúns ámbitos se dan pequenos pasos quedan esmagados pola realidade que se impón. Sempre houbo pouca acción de goberno para impulsar a normalización a anos luz de Cataluña ou Euskadi mais agora estamos tamén a moita distancia dos esforzos que se lle dedican no País Valenciá, un goberno da mesma cor que o galego, cunha situación lingüística diferente e con menos demanda social. 

"Estabamos a anos luz de Cataluña ou Euskadi mais agora estamos tamén a moita distancia dos esforzos que se lle dedican no País Valenciá"

-Dicía vostede que a lexislación era frouxa mais mesmo así incúmprense en moitos aspectos, non é?

A lei básica, a Lei de Normalización Lingüística do 83, con máis de trinta anos aínda foi pouco desenvolvida. Só no ámbito local e no ensino se aprobaron decretos para o galego. Mais, ademais, a Lei de Normalización fala sempre do uso progresivo do galego, da aplicación progresiva da lei que obriga a ir sempre a máis e isto veuse abaixo co decreto do plurilingüísmo que, por vez primeira, o proceso comeza a ser regresivo. Onde existía un pequeno espazo de uso do galego, obrígase a reducilo, por exemplo, prohibindo o uso da nosa lingua en materias que se estaban a impartir en galego. 

-A CTNL está a facer un traballo de coordinación de profesionais e servizos que non se fai desde a Xunta?

Está formada por traballadores e traballadoras, non entidades, que traballamos en ámbitos distintos que se non fose pola CTNL non teriamos ningún tipo de contacto e coñecemento entre nós. Como asociación non podemos coordinar os traballos das administracións mais tentamos poñernos en contacto e desenvolver un traballo de encontro a nivel persoal e voluntario. A maioría procedemos do ámbito da filoloxía, necesaria pero non suficiente, e temos que formarnos en comunicación, psicoloxía de intervención social... moitos ámbitos que son precisos para o noso traballo. Vímonos na obriga de autoxestionar esa formación. Temos tamén iniciativas de desenvolvemento de acción conxunta, algo que non existe desde a administración. Campañas como “Gústame o galego” foi proposta por nós mais desenvolvida por distintas entidades. Este ano continuaremos con outras iniciativas nesta liña, intercambiando opinións e facendo traballos colaborativos e rachando o illamento. 

 "En quince días, comezaremos una campaña dirixida á visibilización do galego nos medios de comunicación". 

-A campaña “Gústame o galego”, foi un grande éxito da coordinadora, gañadora do Premo Manuel Pintos, aportou tamén claves para novas accións de promoción da lingua?

Non tanto pola mensaxe, que tamén, que era facer ver que hai moita xente que quere máis galego, senón porque provocou que moita xente quixese traballar de maneira voluntaria. Todo o mundo se ofreceu directamente a participar e, neste sentido, cumpriu o obxectivo. Mais, ademais, foi moi interesante o modelo de xestión. A acción desenvolveuse conxuntamente por moitas entidades. Propuxemos nós mais logo moveuse reclamada por administracións e entidades que eran quen a movían. Centros de ensino, concellos... que solicitaban participar e desenvolvían elas mesmas o traballo. 

-Responde a filosofía do seu “viveiro”? Á procura de ideas novas para a normalización?

Cada quen pode ter as súas ideas pero o positivo é contrastalas con outras persoas, con técnicos e técnicas que traballan en distintos ámbitos. Dunha idea inicial ao resultado final hai moita distancia porque pasa pola intervención de moitas persoas. Do viveiro naceron moitas ideas e algunhas delas materializaranse nas próximas semanas. En quince días, comezaremos una campaña dirixida á visibilización do galego nos medios de comunicación. 

-O actual secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi tamén presidente da CTNL. Agardaban máis da súa acción de goberno?

Non sei exactamente cales eran as esperanzas mais a realidade é que é o responsábel político do momento no que se executaron os maiores retrocesos lexislativos, económicos, técnicos e persoais para a lingua. O tempo dos maiores retrocesos en todos os niveis.

Comentarios