Na AP-9 van marcha atrás: Ordenan colocar adhesivos en español enriba dos únicos sinais que hai en galego na autoestrada

Para Carlos Callón, “accións como esta demostran a pretensión de varrer calquera presenza pública da nosa lingua, mais nin A Mesa nin unha parte importante da sociedade imos calar a boca”

Autoestrada

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que nas últimas semanas se está a producir “de xeito paulatino” unha mudanza dos únicos sinais en galego que hai na AP-9, para que “a partir de agora só haxa información en castelán e en inglés e nada en galego”.

A entidade sinala que os trocos se realizaron en boa parte dos tramos, mais aínda non en todos, polo que Carlos Callón reclama que “se deteña a colocación de adhesivos para eliminar as sinalizacións no noso idioma” e que “a AP-9 cumpra dunha vez coa Lei, que a obriga a que todos os sinais teñan tamén información no noso idioma”.

Boa parte dos postos de peaxe da AP-9 pasan a ter “múltiplos sinais de aviso escritos en castelán, un escrito en inglés e ningún escrito en galego, xa que se tapou o que puña PEAXE para que pasase a pór PEAJE”

O portavoz da Mesa lembra que Autoestradas do Atlántico “leva anos, moitos anos, respondéndolle á nosa asociación que non coloca sinalizacións tamén en galego debido aos custos, algo que xa resultaba burlesco tendo en conta os seus ingresos anuais”. Mais Callón subliña que “ironicamente, parece que o diñeiro si aparece cando o que se pretende é eliminar calquera mínima presenza do noso idioma, como está a acontecer”.

Comentarios