mércores 25/11/20

"É moi importante que a xuventude poida materializar as súas inquedanzas"

Bieito Troncoso asegura que o futuro do galego depende da xente nova
A revista 'Chinquiliadas', impulsada por Troncoso, nace como un lugar de acollida para a escrita en galego. (Foto: Nós Diario)
A revista 'Chinquiliadas', impulsada por Troncoso, nace como un lugar de acollida para a escrita en galego. (Foto: Nós Diario)

Bieito Troncoso, creador da revista Chinquiliadas, conta como naceu a idea de levar a cabo este proxecto e opina sobre a súa importancia en relación ao galego. Bieito está a cursar o segundo ano do grao de Filoloxía Galega e, xunto con cinco amigas máis, sacou o primeiro número da revista no mes de abril. Agora, case sete meses despois da estrea, reflexiona sobre o futuro do proxecto reafirmando a motivación que, tanto a el como aos seus compañeiros, os move a seguir traballando nesta iniciativa.

Avante Pouca

Como nace a idea de facer esta revista?
A revista nace dada nosa situación na carreira. Chegamos con moitas ganas de escribir, de crear, e non atopamos ningunha plataforma na que poder facelo. Por iso decidín falar cun grupo de amizades e facérmola nós. O principal obxectivo da revista era crear un lugar no que calquera persoa puidese publicar, e para min iso é o máis atractivo: a diversidade. Deste modo, a revista pretende axudar a que os participantes se expresen, da forma que sexa, mediante un texto, un poema, un artigo, unha fotografía... A única condición é o emprego do galego. Ademais, aquelas persoas que queiran publicar tamén o poden facer cun pseudónimo, non queremos que o medo ou a vergoña freen ninguén á hora de expresarse. Grazas a isto, conseguimos que moitos compañeiros da facultade participaran, e estamos moi contentos, porque vemos como o feito de publicar o seu traballo provoca que sigan escribindo, que sigan creando. Penso que é moi importante que a xuventude poida materializar as súas inquedanzas, se non quedan esquecidas nun caderno que só nós mesmos lemos.

A revista chámase Chinquiliadas, de onde sae este nome?
Queriámoslle pór un nome orixinal, un nome que fose da miña zona (Salceda de Caselas). Na miña casa sempre se empregou a palabra “chinquiliada” para referirse a “parvadas”, como a cousas de pouca importancia. Nós sabemos que o que facemos é pouca cousa, pero facémolo porque nos gusta, son as nosas “chinquiliadas”. A palabra pareceunos moi apropiada.

Avante Media 

Vin que a revista ten algunhas seccións fixas, podería explicar a súa estrutura?
Sempre comezamos cunha entrevista, e adoita continuar cun artigo ou un relato curto. Ademais tamén hai poesía e refráns, depende do contido que nos envíen cada mes. O fío condutor é sempre o galego, por suposto. Polo de agora levamos seis números, sacamos un ao mes. Comezamos este abril en plena pandemia. Gustaríanos poder sacar máis pero dános moito traballo. Somos estudantes de galego, non sabemos de edición, por iso nos leva tanto tempo. A parte positiva é que, ao ser unha plataforma dixital, non cremos que a situación da Covid-19 nos afecte demasiado. Con todo, é certo que si falamos de intentar sacar a revista en papel, mais penso que aínda non toca, non podemos ir saltado fases. Coido que para chegar a ese punto primeiro precisamos levar a cabo un bo traballo nas redes e intentar chegar a máis xente. 

Avante Toda

E de cara ao futuro, teñen pensadas novas ideas para desenvolver na revista?  
Intentamos que a revista non quede moi monótona. Estamos a buscar persoas doutros ámbitos que queiran participar para darlle algo de variedade ao contido. Sempre temos moi en conta as opinións dos nosos seguidores a través de enquisas feitas por Instagram. Temos moi claro que non queremos que sexa a nosa revista, queremos que sexa a revista de todos. Nós creamos a plataforma, pero agora iso xa non nos pertence, agora é de todo o mundo que queira botar man dela.

Que importancia ten este tipo de proxectos para a normalización do galego?
Penso que teñen moita importancia, pois da xuventude depende o futuro do galego, está nas nosas mans e, aínda que sexa demasiada responsabilidade, penso que estes proxectos axudan a darlle visibilidade á nosa lingua. A sociedade ten que entender que a xente nova segue empregando o galego, que está presente nas novas tecnoloxías, nas redes sociais, e que é igual de válido que calquera lingua para escribir en revistas como a nosa, na que calquera se pode expresar. 

comentarios