xoves 28/01/21

A mocidade, a favor de que o téxtil galego comunique na lingua propia

A Mesa pola Normalización Ligüística publica A lingua galega no sector téxtil. A súa autora, a publicista Anabel Antela Castro, baséase nas enquisas realizadas entre mocidade galegas para instar ás marcas de moda galegas a "se dean a coñecer ao seu público polas súas orixes; as cales se asociarían a todos os valores positivos que a xente recoñece como galegos".

Tenda de Zara (Nós Diario)
Tenda de Zara (Nós Diario)

Unha das principais actividades de lecer da mocidade xira arredor da moda, nos espazos urbanos, as tendas son puntos de encontro da xente nova. Son varias as compañías téxtiles con pegada internacional as que teñen as súas raíces na Galiza. Non obstante, fóra do país ou do Estado español case ninguén podería estabelecer esa conexión. Nin falan a lingua propia nin presumen de orixe.

Anabel Antela, graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, cuestionouse que acontecería se estas marcas se dirixisen en galego aos mozos e mozas do país e as posibilidades que abrirían a nivel normalizador. Para descubrilo no seu traballo de fin de grao investigou como transmiten as compañías téxtiles galegas as súas orixes e como empregan a lingua propia. A Mesa Pola Normalización Lingüística apostou por editar A lingua galega no sector téxtil, que se presenta esta cuarta feira na Deputación de Pontevedra. 

A visión de quen merca

Para realizar esta investigación, Antela afondou na visión, opinión e actitude da mocidade, recollendo as respostas de 310 mozas e mozos. Entre as súas reaccións, destaca os valores que asocian a Galiza. Nunha pregunta de resposta múltiple, as porcentaxes máis altas lográronas a calidade a cultura e a tradición como as máis votadas. A modernidade é a que menos, con 10,3% dos votos.

Cuestionadas polas marcas téxtiles galegas, 97,1% das enquisadas coincidiron en que deberían empregar a lingua galega, mentres que 81,3% votaron que tamén deberían facelo empresas procedentes doutros lugares do Estado español. Ademais, sete de cada dez das participantes concordaron en que o uso do galego na comunicación favorece a imaxe de marca.

As compañías

Cal é, en tanto, a estratexia das propias marcas? Para estudala a publicista adoptou o punto de vista dos consumidores e analizou os portais de venda en liña, unha vía de consumo crecente da xente nova, de doce compañías de moda galegas: Inditex e as súas seis marcas; Sociedad Textil Lonia e as súas dúas marcas (Purificación García e Carolina Herrera), así como Florentino, Nanos, Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Bimba y Lola e mais Alba Conde. Empresas, case todas, que medraron en facturación e persoal nos últimos anos.

"Aínda que todas as marcas das web analizadas proceden de empresas de orixe galega unicamente as que forman Inditex, coa excepción da propia Inditex, ofrecen a posibilidade de gozar do seu contigo na lingua da comunidade autónoma", fai notar a autora. E só sete citan a Galiza, mais sen apenas desenvolver o vínculo dos seus fundadores co país. 

O galego, un activo máis

Ante esta ausencia Antela conclúe na necesidade de que estes referentes a nivel internacional "ademais de ser coñecidos como éxitos españois (situación actual) se dean a coñecer ao seu público polas súas orixes; as cales se asociarían a todos os valores positivos que a xente recoñece como galegos".

"A investigación vén demostrar que o galego pode ser un activo moi importante para as marcas galegas", agrega o seu titor, ademais de decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde. "Que máis datos precisan as marcas do sector téxtil para comezar a facer cambios?", conclúe a autora. 

comentarios