Oito marchas polo galego tomarán as rúas de Galiza este 17-M

Oito manifestacións convocadas por Queremos Galego reclamarán este sábado “pasos adiante” para a nosa lingua. As mobilizacións, de carácter “expansivo”, buscarán “multiplicar por oito” a resposta social na defensa do galego. 

Queremos Galego 18 outubro 2009
photo_camera Queremos Galego 18 outubro 2009

Queremos Galego reescribe o famoso verso inicial do poema “Penélope” de Díaz Castro para construír o lema das oito manifestacións que convoca para este Día das Letras Galegas. “Un paso adiante e outro adiante Galiza” unirá as mobilizacións que se desenvolvan en Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago, Lugo e Foz ás 12 horas nas que actuarán representantes do mundo da cultura. En todas elas lerase un manifesto elaborado pola escritora Marica Campo no que se afirma que “o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación”. 

As mobilizacións deste 17 de maio vanse realizar, aliás, nas vésperas do xuízo a 12 persoas encausadas por responder na rúa a unha manifestación galegófoba de Galiza Bilingüe

As mobilizacións reivindicarán o uso normal da nosa lingua en todos os ámbitos, do ensino á xustiza pasando polo ocio ou a comunicación, no que se considera o momento de maior retroceso no proceso de normalización do galego.

Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, está composta por máis de 700 entidades sob o obxectivo de defender a lingua de Galiza.

As mobilizacións deste 17 de maio vanse realizar, aliás, nas vésperas do xuízo a 12 persoas encausadas por responder na rúa a unha manifestación galegófoba de Galiza Bilingüe. A petición de pena para estas 12 persoas é de 45 anos.

O xulgamento vaise realizar en Compostela os días 20, 22 e 23 de maio. A manifestación galegófoba ocorreu un 8 de febreiro, de 2009. 8 de Febreiro e 45 anos deu lugar ao hashtag en solidariedade con estas persoas #8F45anos que anda a rular con grande suceso polas redes.

Comentarios