Como dicilo?

De min a ti

Nos pronomes persoais de primeira e segunda persoa temos en galego dúas series de formas diferentes que aparecen na frase da cabeceira de hoxe: eu/min e mais tu (ou ti)/ Imos comentar esas formas antes de entrarmos no contido da locución.

conversation-799448_640
photo_camera Entre ti e min ben o damos feito

Eu e tu/ti son formas do pronome persoal que realizan na frase a función de suxeito :

 

Eu penso que a cousa está difícil

Non hai queixa ningunha do que eu fago

Que cres tu/ti que podemos facer?

Tu/ti e eu dámolo feito ben

 

Min e ti realizan outras funcións como as de complemento con preposición. Digamos o mesmo por medio dunha construción con preposición :

 

Para min que a cousa está difícil

Non hai queixa ningunha de min

Segundo ti : que podemos facer ?

Entre ti e min dámolo feito ben

 

Neste último exemplo o ti e min é o correcto galegoportugués fronte ao calco do español entre ti e eu.

 

Agora ben, se —mesmo con preposición— o pronome persoal fose facendo de suxeito dun verbo (en infinitivo, por exemplo) a forma daquel sería eu ou tu/ti

 

Para eu facelo terían que mo rogar moito

 

Min e ti son tamén as formas que se utilizan no segundo elemento das comparacións e mais en construcións similares (e non eu ou tu) :

 

Ela é máis nova ca ti

Queres saber tanto coma min

Tu/ti fai coma min

 

Coa mesma, imos agora coa locución que citabamos: De min a ti. Esta frase tan tradicional vén equivalendo a Se eu fose ti, De eu estar no teu lugar… etc. (o español Yo en tu lugar…)

 

De min a ti non llo dicía

Igualmente a expresión pode marcar a confidencialidade do que se conta, similar ao inter nos latino que empregamos con frecuencia:

De min a ti: anda con tino con esa xentiña

E, naturalmente, pode ter o seu valor literal e direccional na frase :

De min a ti sempre houbo moito cariño
 

Lembremos outra locución ben tradicional: a do verbo ter co pronome persoal en obxecto indirecto e co significado de ‘considerar, pensar, estimar’, etc:

 

Teño para min que o asunto é grave

 

Digamos como remate que para ‘falar cunha persoa con proximidade e familiaridade, tratándoa co pronome persoal tu/ti, a normativa propón o verbo atuar aínda que tamén existen atutar e tutear (esta variante existe en portugués). De todos os xeitos, seguen moi vivas locucións como falar de ti/tu a alguén e mais tratar por tu/ti ou aínda tratar ti por ti.

E velaí unha cantiga con catro pronomes persoais :
 

Se soubera que ti dabas

pasadiñas por me ver

tamén eu che prometera

de outros amores non ter

Comentarios