Milleiros de escolares percorren A Coruña no Correlingua defendendo o galego como chave para estar no mundo

O adestrador deportivista Fernando Vázquez leu o manifesto a prol do idioma. A Autoridade Portuaria argumentou “razóns de seguridade” para non deixar que @s escolares entrasen na súa demarcación

Correlingua
photo_camera Correlingua

A Coruña, a rachar os tópicos existentes sobre ela. Milleiros de escolares, por volta de 4.000 segundo @s organizadores, tomaron parte no Correlíngua. Unha festa que comezou na Torre de Hércules para finaliza nos Xardíns Méndez Núñez. Un percorrido polo idioma do país. Non exento de percances. Así, na Autoridade Portuaria da Coruña acolléronse a cuestións de seguridade para non permitir que os milleiros de nenos puidesen pasar polos seus dominios. Iso si, permitiron aparcar os autobuses procedentes de diferentes lugares da comarca para que os alumnos tomasen parte no Correlingua.

Mais non conseguiron deslucir a xornada de festa e reivindicación. 'O galego, A chave do mundo' foi o lema deste ano e a forza coa que os e as escolares da Coruña, As Mariñas ou Costa da Morte reivindicaron a lingua propia de Galiza.

Fernando Vázquez, polo galego

Entre os que apoiaron esta iniciativa estaba o adestrador do Deportivo da Coruña, Fernando Vázquez, encargado de ler o manifesto desta edición. Tamén rostros coñecidos da cultura coruñesa, que quixeron mostrar o seu apoio ao galego.

O Correlingua arrancou a comezos deste mes e maio en Ourense e finalizará esta quinta feira na Mariña, Realizarase en 12 cidades e vilas do país, reunindo a milleiros e milleiros de escolares.

A máis

O Correlingua vense realizando regularmente desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais. Na actualidade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Comentarios