Miles de moz@s por un galego sen cancelas no #correlingua2017

Máis de 1.400 alumnos participan en Ourense na iniciativa que até o vindeiro 16 de maio percorrerá vilas e cidades do país na defensa do noso idioma.

correlingua

Ourense tomou esta cuarta feira o relevo que botou a correr en Monforte a terza da man do Correlingua e que percorrerá o país até o vindeiro 16 de maio. Unha iniciativa que, máis un ano, encherá as rúas de vilas e cidades de miles de escolares na defensa do idioma galego. ‘En galego, sen cancelas’ é o lema desta edición, que na quinta feira recalará en Lugo.

En Ourense foron máis de 1.400 as mozas e os mozos que tomaron parte no Correlingua. Organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, AS-PG e CIG-Ensino. A dinamización da lingua entre a mocidade é a finalidade dunha iniciativa que non se reduce á carreira destes días senón que implica actividades nas semanas previas nos diferentes centros de ensino. 

A mediados do mes de abril procedeuse á entrega dos diplomas ao alumnado gañador dos diferentes certames que se desenvolven no Correlingua: Certame Banda Deseñada ao alumnado do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, o Certame de Vídeo ao alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal e Certame Manifesto ao alumnado do CPI Afonso VII Caldas de Reis.

Comentarios