martes 22/06/21

A Mesa traslada á ONU “a persecución” de Enaire a algúns empregados “por usar o galego no traballo”

A entidade pública que xestiona a navegación aérea pretende forzalos a se comunicaren coa dirección da zona en español, tanto verbalmente como por escrito, segundo denunciou esta entidade.

Protesta no aeroporto de Compostela contra a represión sindical e lingüista. (Foto: Nós Diario)
Protesta no aeroporto de Compostela contra a represión sindical e lingüista. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística informou ao relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, e mais á responsábel da división de minorías nacionais e lingüísticas do Consello de Europa, Elise Cornu, da “persecución á que a empresa pública española de servizos aeroportuarios Enaire está a someter a algúns traballadores polo uso do galego no traballo”.

"Esta acción da empresa Enaire, pertencente ao Ministerio de Transportes, presenta un precedente de consecuencias gravísimas se se estender ao conxunto de empresas cuxa actividade se desenvolve en Galiza", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira, nas cartas que lles remitiu a De Varennes e Cornu.

"Tanto polo feito como polas graves consecuencias que pode chegar a ter para as traballadoras, coidamos que é unha acción grave de discriminación polo uso da lingua propia e cooficial protexido polo artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, polo artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, polo artigo 27 do pacto internacional de dereitos civís e políticos e o artigo 13 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas”, engade.

A empresa, indica A Mesa, afirma que a dirección do centro de traballo, no aeroporto de Santiago de Compostela, está en Madrid e que por ese motivo non teñen por que entender nen atender ningunha das comunicacións dos traballadores nunha lingua diferente do español.

“Porén, a inspección de traballo xa lles deu a razón aos traballadores, afirmando que se o centro de traballo está en Galiza teñen todo o dereito a usar o galego aínda que a dirección estea fóra por motivos alleos ao centro de traballo e á actividade”.

A Mesa traslada á ONU “a persecución” de Enaire a algúns empregados “por usar o galego...
comentarios