A Mesa súmase ás numerosas críticas e rexeita a concesión do Día das Letras a Filgueira

O pasado político de Filgueira Valverde como alcalde de Pontevedra durante o franquismo ten provocado un forte rexeitamento, tanto a nivel individual como por parte de asociacións como A Mesa, que lle solicita á Academia que “rectifique” e propón que a sociedade artelle alternativas, chamado que xa atopou varias respostas.

photo_camera Queremos Galego.

Unha intensa vaga de críticas acompañou desde o primeiro minuto a elección por parte da Real Academia Galega (RAG) de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro homenaxeado no Día das Letras de 2015. A nivel individual -especialmente nas redes sociais- foron multitude os comentarios en contra de que se lle adique a data a unha persoa que, malia o seu traballo anterior co galeguismo histórico, acabou abrazado ao franquismo como alcalde de Pontevedra, onde impulsou a ubicación de ENCE na ría. Aliás, tamén se protesta polo escaso atractivo popular que terá a súa figura literaria, de perfil moi académico.

Mesmo dirixentes de forzas políticas -a inmensa maioría do nacionalismo de esquerdas, mais tamén nalgún caso fóra del- fixeron patentes a súa protesta pola elección, tamén rexeitada nalgúns círculos culturais e entre movementos sociais namentres que os seus impulsores na RAG insisten en que se trata dunha xornada "cultural, non política". Pero por parte de organizacións como A Mesa pola Normalización Lingüística tamén xorden apuntes en contra da elección. Nunha nota pública, a asociación mostrou o seu desacordo coa elección de Filgueira Valverde.

"O franquismo dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua galega, unha persoa da súa estrutura non pode ser obxecto de homenaxe", di A Mesa

“Unha persoa que destacou por formar parte da estrutura do réxime franquista, tanto como alcalde de Pontevedra como de procurador en Cortes, non pode ser obxecto de homenaxe, precisamente por ter sido un réxime que dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua e cultura galegas, con consecuencias que en grande medida padecemos na actualidade”, afirma a Mesa.

Insulto

Segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria, é un insulto a todas as persoas que nas peores circunstancias imaxinábeis fixeron todo o posíbel para dignificar a lingua galega, pagando mesmo a súa actividade a favor do noso país e da nosa lingua coa prisión, o exilio ou a morte”.

Desde A Mesa fan “un chamado á sociedade galega e a todas organizacións de defensa da lingua e cultura galegas a se organizaren para que o Día das Letras Galegas siga a ser, como até o de agora, unha xornada de reinvindicación do noso idioma”, e chaman á Real Academia Galega a “rectificar o erro cometido” con esta decisión.

E precisamente, esa proposta de sumar forzas para artellar unha alternativa reivindicativa á xornada oficial que xa aplaudiu a Xunta con entusiasmo foi tomando corpo desde que se coñeceu a noticia e varias foron as iniciativas que se albiscaron nas redes sociais, polo de agora, a título persoal.  

Unha das primeiras foi a do escritor e profesor Carlos Callón que propuxo homenaxear no 2015 non a “Filgueira Valverde senón as súas vítimas como Bóveda e Bouza Brey”. Tamén por artellar unha alternativa social se mostrou o editor Paco Macías que propuxo unha xornada festiva e convidou á sociedade a facer “unha festa sen dirixismos, autónoma de trapalladas políticas ou favores e medos persoais. Unha festa que non enterre a ninguén, que sexa de unión. A ver se vai desta. Aproveitemos esta provocación”.

Carlos Callón propón un Día das Letras popular en lembranza "non de Filgueira senón das súas vítimas, como Bóveda ou Bouza Brey"

Pola súa banda a profesora Goretti Sanmartín propuxo que, en vista a decisión da Academia, cada persoa escolla a quen quere homenaxear o Día das Letras e foron varios xa os nomes que se puxeron enriba da mesa. 

A “obxección de conciencia” foi tamén tema recorrente ao longo da xornada e en especial ensinantes como Carme Fiaño deixaron a vista que é a opción pola que se decantarán con respecto á xornada dedicada a Filgueira Valverde. 

Xunta

A polémica coa que a noticia da Academia foi recibida, en especial, por persoas destacadas na defensa da lingua e a literatura contrasta co entusiasmo da propia Xunta de Galiza que, a través da Consellaría de Cultura e Educación se apresurou a anunciar que !celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe que Galicia lle renderá o vindeiro ano a Xosé Filgueira Valverde co gallo do Día das Letras 2015”. Destacou o seu “ímprobo labor”nas principais institucións culturais e ocultou a súa condición de alcalde de Pontevedra durante o franquismo. 

Comentarios