A lingua materna é aquela en que as crianzas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. Hoxe, 21 de febreiro, celebra o seu día, proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en novembro de 1999 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. En 2020, o Día internacional da lingua propia celebra o valor dos idiomas que son á vez locais e transfronteirizos co ánimo de impulsar o diálogo pacífico e axudar a promover o patrimonio cultural dos pobos que os falan. Neste sentido, a Secretaría Xeral de Política Lingüística sinala o galego como idioma transfronteirizo "na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía".
Coñecemento da lingua
A Mesa pola Normalización Lingüística tamén se suma á iniciativa da Unesco. Faino, segundo recoñece a entidade, co fin de reclamar garantías para a diversidade lingüística fortalecendo a protección, a promoción e a preservación de todos os idiomas, nomeadamente aqueles que están ameazados. "Esta data celébrase na Galiza após as contundentes demandas do Consello de Europa, entre elas a derrogación do mal chamado decreto de plurilingüismo, e os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que indican que ademais do retroceso do uso do galego, temos neste momento o índice máis alto de incapacidade para falalo da historia de Galiza co 24% de rapaces e raparigas menores de 15 anos", sinalan desde A Mesa.
Por este motivo, pídenlle ao Partido Popular que "abandone o extremismo contra o galego" e ao conxunto de organizacións políticas que "impulsen unha nova política favorábel ao galego, que garanta o coñecemento da lingua" ademais dunha "presenza visíbel e audíbel" e de total liberdade de uso en todos os ámbitos".
Dereitos lingüísticos
A Mesa pola Normalización Lingüística reivindica a garantía de exercicio dos dereitos lingüísticos. Marcos Maceira, presidente da entidade, quere "os mesmos problemas para usar o galego, para velo, lelo e ouvilo na Galiza que ten calquera persoa co castelán cando pasea por unha rúa de Madrid, cando se dirixe á Administración pública ou cando compra en calquera estabelecemento". "A Xunta ten que deixar de ser a principal defensora da inferioridade de condicións para as e os galegofalantes", recalcou.
Nesta liña, Maceira mantén que, na actualidade, a sociedade civil actúa en solitario para promover a lingua da Galiza e combater agravios e discriminacións. Hoxe, desde A Mesa, fano baixo o lema Fálalles galego, coa esperanza de saber que son moitas as galegas e galegos que manteñen un compromiso co uso e a transmisión do idioma propio da Galiza.