A Mesa recoñece o uso da nosa lingua no mundo empresarial co premio “Abertos ao Galego”

A gañadora será unha empresa que destaque polo uso normalizado do galego. A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a segunda edición do Premio Abertos ao Galego. 

A iniciativa xorde, segundo a MNL, da necesidade de lle dar visibilidade social ás empresas que se comprometen nun uso normalizado da nosa lingua alén de animar ao mundo empesarial a se sumar ao emprego do galego nas súas acividades. 

Calquera empresa ou particular poderá enviar propostas até o día 31 de outubro á sede da Mesa ou por correo electrónico ([email protected]) que deberán levar o nome e datos de contacto da empresa ademais dunha explicación da candidatura con especial mención ao seu uso do galego. Na busca dunha maior participación social, quen remita candidaturas no prazo entrarán no sorteo dun lote de produtos de empresas adscritas a Abertos ao Galego. 

A primeira edición do premio recoñeceu á rede social Tuenti pola súa versión en galego. Abertos ao Galego é o certificado que a Mesa outorga a empresas, comercios, asociación e entidades que se mostran na súa actividade diaria un compromiso coa normalización do galego. Ademais das candidaturas que se presenten por membros do xurado, particulares ou asociacións, as empresas ou entidades adheridas a Abertos ao Galego son tamén candidatas ao premio.

Comentarios