A Mesa pola Normalización Lingüística insta as forzas políticas en condición de pactar para conformar un novo goberno no Estado, a que inclúan entre os acordos de goberno “o recoñecemento práctico e real da igualdade de dereitos e deberes das linguas propias”.
En palabras do presidente da Mesa, Marcos Maceira, “esta proposta de recoñecemento e garantía da igualdade lingüística é unha proposta a favor da liberdade, do pluralismo e da democracia, á que só se pode opor a extrema dereita” ao ser “unha necesidade democrática e social”.
A demanda baséase no manifesto Igualdade lingüística, que defende “a liberdade, a pluralidade e a democracia e que xa lle foi remitido a todas as forzas políticas”. Emprázase así aos partidos a asumir eses tres principios para garantir “unhas sociedades xustas e con dereitos e deberes iguais para toda a cidadanía e non só para aquelas persoas que utilizan o castelán”. A Mesa informa que Néstor Rego, deputado electo do BNG no Congreso, visitará a sede da Mesa pola Normalización Lingüística para coñecer o documento de primeira man.
Este manifesto, que recolle a situación de desigualdade das linguas diferentes do castelán no Estado español, foi presentado o pasado mes de outubro en Madrid pola Mesa pola Normalización Lingüística xunto coas principais organizacións de defensa das linguas no Estado: Kontseilua (eúscaro); Plataforma per la Llengua, CIEMEN, Omnium cultural e Acció Cultural del País Valenciá (Catalán); Iniciativa pol asturianu (Astrurias); e Nogara (aragonés).
Rego defenderá no Congreso a "igualdade legal e real das linguas"
O deputado electo do BNG, Néstor Rego, comprometeuse esta sexta feira a defender a igualdade legal e real das linguas e anunciou que apoiará, tanto nas xuntanzas previas como no Congreso, os acordos do manifesto Igualdade lingüística". Nunha visita á sede da Mesa pola Normalización Lingüística, Rego, anunciou que incluirá a igualdade real e legal das linguas nas propostas que o BNG levará ás xuntanzas que se desenvolverán para un posíbel apoio ao acordo de goberno así como na súa acción política no Congreso.