A Mesa presenta ‘A viñeta de Schrödinguer’, revista de banda deseñada en galego

Sairá en xullo cunha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor. 

marcos maceira kiko da silva

Marcos Maceira presidente da Mesa e o debuxante Kiko da Silva presentaron ‘A viñeta de Schrödinguer’, .unha revista de banda deseñada totalmente en galego.  A Mesa sinalou que levaba tempo preocupada pola ausencia do galego en diversos ámbitos como o audiovisual, o empresarial ou o editorial “e ante un goberno irresponsábel que non atende as cuestión que teñen haber coa lingua propia de Galiza, decidimos promover o nacemento dunha publicación nova en galego dirixido á mocidade”.

Para Marcos Maceira a mocidade viuse afectada no pasado coa desaparición de publicacións e experiencias anteriores no mundo da banda deseñada. “Grazas ás achegas que fan as socias e socios a Mesa pode involucrarse nun proxecto moi necesario”. Pola súa banda, Kiko da Silva explicou que malia o grande calidade e prestixio que ten no estranxeiro, a banda deseñada galega, está esquecida polo goberno galego. Neste sentido agradeceu a decisión da Mesa por apostar nun produto que permitirá reunir nunha publicación a creadores e creadoras galegas e tamén internacionais.

Da Silva anunciou que son 16 os colaboradores e colaboradoras que farán posíbel sacar unha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor, mais que poderían ser até 100 colaboradores e colaboradoras.

As autoras e autores serán: Miguelanxo Prado, Fran Bueno Capeáns, Fernando Iglesias Coel, Miguel Robledo, Fernando York, Miriam Iglesias ou escritores como Antonio M. Fraga, Miguel Rojo Paulo Prado, Aldara e Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro. Tamén haberá entrevistas internacionais que darán comezo coa neiorquina Sarah Andersen.

A Mesa explica a elección do nome da revista en que na cultura galega a morte está moi presente coa santa compaña, Santo Andrés de Teixido ou mesmo coa lingua galega que moita xente pensa que está morta pero outra moita xente pensa que está viva dándose unha dualidade de estar morta e viva á vez, como o gato de Schrödinguer.

Comentarios