A Mesa pídelle ás candidaturas municipais que asinen un compromiso coa lingua

A Mesa vaise dirixir ás candidaturas que concorran ás vindeiras eleccións municipais para que asinen un compromiso coa lingua. Denuncia os gobernos español e galego diante da Unesco e a ONU polos datos do IGE e reclámalle á RAG e ao CCG que “reaxan” diante da grave situación. 

marcos

Cara á dúas direccións mais cun único obxectivo -cos datos do IGE como pano de fundo- disparou esta quinta feira a Mesa pola Normalización Lingüística que presentou varias liñas de actuacións encamiñadas a darlle á volta a unha situación cada vez máis tráxica de perda de falantes. Por unha banda, de maneira proactiva, a MNL diríxese aos concellos e a todas as organizacións políticas e candidaturas que concorran ás vindeiras eleccións municipais para proporlles que asinen un compromiso coa lingua con medidas concretas referidas ao ámbito municipal recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Recollen, entre outras iniciativas, que todos os cargos públicos e organismos “teñan a lingua galega como  lingua xeral de referencia oral e escrita”  e que as empresas subcontratadas garantan o respecto á oficialidade do galego. As candidaturas comprometeranse tamén, no caso de non existir, a crear un Servizo de Normalización Lingüística. 

"Que todos os cargos públicos e organismos teñan a lingua galega como  lingua xeral de referencia oral e escrita  e que as empresas subcontratadas garantan o respecto á oficialidade do galego".

Cesamento de Xesús Vázquez 

Noutra liña, a Mesa refírese á enquisa do IGE sobre o coñecemento e uso do galego para confirmar a denuncia de que a tendencia está a ser cara “á substitución da lingua propia de Galiza en todos os ámbitos da sociedade, nomeadamente na mocidade á que se lle impide acadar competencias suficientes en galego no sistema educativo cun decretazo que ten como obxectivo reducir, aínda máis, a presenza do galego no ensino”. Acusou o presidente da MNL, Marcos Maceira directamente o goberno de Feixóo da grave situación e esixiulle “actuar urxentemente”, botando man do PXNLG e da lexislación existente a favor do galego. “Contamos co PXNLG, unha planificación de mínimos, mais aprobada por unanimidade parlamentar. Non hai escusas. Aplíquea xa!”, dixo Maceira dirixíndose a Feixóo. Ademais, reclamoulle o cesamento dos dous responsábeis políticos da área, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, máis o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “ á vista das nefastas consecuencias das súas políticas que o estudo oficial do IGE vén de poñer de manifesto”. 

A MNL presentará unha denuncia perante a UNESCO sobre a situación da lingua galega “consecuencia dunha política de desleixo de responsabilidades”

Denuncia perante a UNESCO e a ONU

Nas vindeiras semanas, a Mesa presentará unha denuncia perante a UNESCO sobre a situación da lingua galega “consecuencia dunha política de desleixo de responsabilidades”, pondo en evidencia, entre outros aspectos, o incumprimento de acordos e tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. A MNL dirixirase tamén á Comisión de dereitos humanos da ONU para participar nunha denuncia ao Estado español por vulneración dos dereitos humanos que se presentará en Xenebra o 21 de xaneiro. 

A Mesa vaille presentar as súas propostas ao consello da Cultura Galega e á RAG, xa que, ao seu ver, a gravidade dos datos do IGE tiña que obrigar a que “reaxisen”. “Galiza precisa un posicionamento claro e contundente destas institucións diante do que está a acontecer”, sinalou Maceira. 

Comentarios