domingo 25/10/20

A Mesa pide a RAG que ofreza "unha homenaxe completa, non parcial" a Carvalho Calero o 17 de maio de 2021

Explica que a crise provocada pola Covid-19 limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego este 2020.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Imaxe dunha homenaxe a Carvalho en Compostela (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou esta quinta feira a súa petición formal á Real Academia Galega (RAG) para que "alongue" ao 2021 a dedicación do Día das Letras galegas a Ricardo Carvalho Calero.

A entidade indicou á RAG, entidade responsábel da elección do adicatario desta data, que as circuntancias sanitarias en relación á homenaxe a Don Ricardo Carvalho Calero neste 2020 non melloraron nesta última parte do ano.

"Se ben os centros de ensino abriron no mes de setembro", indica a carta que o presidente da Mesa, Marcos Maceira, no escrito que lle dirixe ao presidente da RAG, Vítor F. Freixanes, "non o puideron facer en condicións normais e na grande maioría están restrinxidas a celebración de actos de todo tipo incluídas as actividades culturais".

"Mesmo actos preparados por entidades culturais ou mesmo institucións para este mes foron anulados por causa das restricións impostas pola autoridades sanitarias"

"Como recentemente expresou a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura", engade, "a incerteza limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego". "Mesmo actos preparados por entidades culturais ou mesmo institucións para este mes foron anulados por causa das restricións impostas pola autoridades sanitarias", recorda.

"As circunstancias deste 2020 non dependen da Academia nin de ningunha outra institución", remata a solicitude, "mais pensamos que hai posibilidade de paliar os efectos que está a ter a epidemia que sofremos nas decisións que tomemos e que D. Ricardo Carvalho Calero merece unha homenaxe completa, non parcial nin restrinxida. Por isto reiteramos a petición realizada de prolongar a 2021 a celebración do Día das Letras Galegas adicado a D. Ricardo Carvalho Calero".

Durante estes meses diferentes entidades e colectivos pediron que se estendese a celebración do Día das Letras galegas a Carvalho ao 2021.

A Mesa pide a RAG que ofreza "unha homenaxe completa, non parcial" a Carvalho Calero o...
comentarios