A Mesa pide a Interior que “investigue e sancione” a reincidencia da Garda Civil de Gondomar contra o galego

O cuartel desta vila da comarca de Vigo denunciou o concello por tres sinais de tráfico que estaban en galego. En 2015 nese mesmo cuartel negáronse a tramitar unha denuncia por estar en galego.

Garda Civil
photo_camera Garda Civil

O cuartel da Garda Civil de Gondomar é reincidente en canto a decisións contra o galego. Esta fin de semana coñecíase que o Instituto armado desta localidade do sur de Galiza denunciaba o concello por ter sinais de tráfico só en galego (sinalización que levaba instalada máis de 10 anos). A Mesa lembra que non é a primeira vez que este cuartel amosa este tipo de actitudes. No verán de 2015 esta organización facía pública unha queixa pola negativa deste posto da Garda Civil a atender unha denuncia de roubo por estar feita en galego, “que derivou nunha simples desculpa por parte da Comandancia de Pontevedra que, porén, recoñeceu os feitos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou esta segunda feira ao Ministerio de Interior a apertura dunha investigación para determinar e depurar as responsabilidades nos casos de “ataques sistemáticos e persecucións ao uso do galego” nese cuartel.

“A actitude contra a lingua propia e cooficial en Galiza neste cuartel é reiterada”, denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa. A Mesa pola Normalización Lingüística reclamar unha investigación “e a depuración de responsabilidades, xa que o sectarismo ideolóxico e o racismo lingüístico non se pode consentir nun estado democrático e menos se parte de institucións do propio estado”.

Na mesma liña dirixirase á Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo.

Comentarios