venres 25/09/20

A Mesa pide ao PP que “deixe de desprezar” o galego tras a emenda nas escolas infantís da Coruña

O Partido Popular coruñés emendou o regulamento desas escolas por “impoñer o galego”.

A Mesa pide ao PP que “deixe de desprezar” o galego tras a emenda nas escolas infantís da Coruña

O anuncio do PP de que ía emendar o regulamento das escolas infantís municipais da Coruña por “impoñer o galego” xa obtivo a resposta da Mesa pola Normalización Lingüística, que pide aos populares que “deixe de traballar pola completa desaparición da nosa lingua”.

"Se o que queren é eliminar a liberdade de utilización plena e a posibilidade dun mínimo coñecemento da nosa lingua", advirte o presidente da entidade, Marcos Maceira, "deben dicilo con claridade, explicando as razón dese desprezo pola lingua de Galiza e deixar de empregar argumentos falsos ".

A Mesa reitera os seus parabéns ao concello da Coruña, por facer uso das súas competencias e incidir na necesidade de o galego ser a lingua vehicular nas escolas infantís municipais e espera que esta iniciativa sexa recollida polo conxunto de concellos de Galiza.

Lembran que, no último estudo que realizou sobre a educación no curso 16/17, o 89,19% dos centros da cidade empregaba moi maioritariamente ou exclusivamente o castelán como lingua de aprendizaxe. Pola contra, os centros que declaraban empregar maioritariamente o galego como lingua de aprendizaxe eran 2,70%.

"A exclusión do galego froito da política de eliminación promovida polo PP desde 2009, con Alberte Núez Feixoo como presidente, e que agora pretende reimpulsar o PP da Coruña", denuncia Maceira, "foi de especial virulencia nas etapas infantís e nos espazos de lecer".

O propio IGE indicou recentemente que 24% dos menores de 15 anos din ser incapaces de falar galego.

"Esta situación alertou tanto ao comité de expertos para a Carta Europea das lingua rexionais e minorizdas do Consello de Europa como ao propio Comité de Ministros", remata, "que indicou expresamente que as restricións ao ensino de galego en Galiza deben ser eliminadas”.

comentarios