A Mesa participa no Foro europeo de minorías, organizado pola ONU

'Educación, Linguas e os Dereitos Humanos das Minorías' é o título do encontro, que decorre en Bruxelas.

QUEREMOS GALEGO

A directora de Abertos ao galego, Celia Armas, participa en representación da Mesa pola Normalización Lingüística no Foro Rexional Europeo para as Minorías organizado pola ONU e que decorre en Bruxelas baixo o título Educación, Linguas e os Dereitos Humanos das Minorías. Previamente á presenza neste encontro, Armas tomou parte na reunión do comité da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN).


A ONU lembra na convocatorio deste Foro que "a educación é probabelmente o dereito lingüístico central das minorías e é tamén fundamental para o mantemento da diversidade lingüística. Unha lingua que non é aprendida, acabará esvaecendo".


Fernand Vde Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos recolleu o pasado mes de xaneiro no seu informe preliminar algunha das vulneracións de dereitos lingüísticos que lle presentara A Mesa, salientando que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais" e incidindo en que "isto segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.

 

Comentarios