Asemblea xeral

A Mesa levará ao Parlamento medidas para o uso do galego no sector audiovisual

Na súa Asemblea Xeral, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou as principais liñas de acción que desenvolverá ao longo deste ano, entre as que destaca a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galiza para normalizar o galego no sector audiovisual.

IMG-20180414-WA0001

A asemblea xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, reunida este sábado, 14 de abril, en Compostela, aprobou a folla de rota coas actividades que desenvolverá ao longo deste ano. Unha das principais medidas terá a ver coa presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galiza encamiñada á normalización lingüística no sector audiovisual.

Ademais, a entidade que preside Marcos Maceira acordou impulsar o Observatorio de Dereitos Lingüísticos –que ademais do asesoramento xurídico elaborará informes sobre a situación do galego en diversos ámbitos- e Abertos ao Galego –que incidirá na visibilización e promoción do crecente compromiso empresarial co idioma.

Estas actividades, informa A Mesa nun comunicado enviado aos medios, “pretenden dar un impulso á actividade xeral da asociación e a súa capacidade de actuación fronte ás agresións continuas ao dereito básico de utilización do galego”.

Marcos Maceira: "Fronte a unha Xunta que abdica das súas obrigas coa lingua, hai unha enorme vontade popular de reposición e normalización"

Marcos Maceira afirma ao respeito que “fronte a unha Xunta que abdica das súas obrigas coa lingua, hai unha enorme vontade popular de reposición e normalización”. É responsabilidade da Mesa, sinala a entidade, que esa vontade vire realidade. “Por iso temos a obriga de mellorar o noso traballo a prol da lingua. Un traballo que é posíbel grazas ás socias e socios que garanten a estabilidade económica e a independencia da Mesa e fan que sexa a asociación cívica máis ampla de Galiza.

Aliás, na reunión deste sábado avaliouse o labor desenvolvido durante o último ano e amosouse explicitamente o apoio da Mesa á saída de O Diario Galego, debido ao impulso e prestixio que lle dará este xornal á lingua.

Comentarios