A Mesa leva á ONU a discriminación do Estado español cara @s galegofalantes

Esta viaxe viña enmarcada no EPU (Exame Periódico Universal) ao Reino de España na sala dos dereitos humanos.

Xenebra
photo_camera [Imaxe Irmandade TV]

Até a sede da ONU en Xenebra tivo que acudir o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, para denunciar as situacións de represión lingüística que sofreron os galegofalantes ao longo do ano 2013. Fíxoo na compaña de Acció Cultural del País Valencià e da Plataforma per la Llengua, integradas en ELEN (Rede Europea da Igualdade Lingüística).

Esta viaxe viña enmarcada no EPU (Exame Periódico Universal) ao Reino de España na sala dos dereitos humanos e da Alianza de civilizacións situada no mesmo edificio da ONU en Xenebra. Este “exame” de estados a estados aborda todo tipo de cuestións relacionadas cos dereitos humanos: violencia de xénero, trata de persoas, racismo e xenofobia, inmigración, torturas e malos tratos ou educación e cultura.

O relator do estado español, o secretario de estado de asuntos exteriores, fixo unha primeira intervención dunha media hora na que defendeu os avanzos do estado español nas distintas materias a exame. Posteriormente, en intervención de minuto e medio, case todos os estados membros comentaron, sempre dentro das formalidades da diplomacia, o seu parecer sobre os avanzos en materia de dereitos humanos en España.

En materia de educación e cultura, o relator simplemente fixo referencia á LOMCE, como exemplo de avanzo dos dereitos humanos en España

A maioría das intervencións estiveron centradas en violencia de xénero (loubando ou criticando), en materia de inmigración (moitos estados acompañaron o seu comentario cunha crítica ao papel desenvolvido polas FSE; ou mesmo recriminando abertamente a falta de reparación das víctimas do franquismo (como Suiza ou Francia) ou de torturas. As intervencións dos estados limitáronse ás materias que o secretario de estado español tiña preparadas. Neste sentido é de sinalar que os xornalistas dispuñamos da 2ª intervención do secretario de estado ás 09:00; antes de comezar a súa primeira intervención.

En materia de educación e cultura, o relator simplemente fixo referencia á LOMCE, como exemplo de avanzo dos dereitos humanos en España, a pesar da forte oposición da comunidade educativa e de ser unha lei que non se está a aplicar en moitos cursos académicos e autonomías. Non houbo  referencia aos conflictos lingüísticos que vive o estado español nen resposta a afirmación do Consello de Europa que advertiu no seu informe que o estado español “precisa mellorar” para garantir os dereitos dos galegofalantes e dos falantes de catalán no País Valenciá.  En Xullo, a troika formada por Reino Unido, Serra Leoa e Macedonia, redactaran o informe sobre os avanzos ou retrocesos de España na defensa dos dereitos humanos.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización relatou os diferentes casos que a asociación en defensa da língua galega denunciou ao longo do ano 2013

En rolda de prensa posterior ao pleno do EPU compareceron os representantes de ELEN para dar a coñecer as realidades de represión lingüística que se viven na Galiza e nos Países Cataláns. A representante da Plataforma per la Llengua, Rosa de les Neus, afirmou que un 62,5% dos casos estudadados de represión lingüística foron realizados por Guardia Civil e Policia Naciona e un 80% en total de institucións estatais.

Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización relatou os diferentes casos que a asociación en defensa da língua galega denunciou ao longo do ano 2013. Mais Maceiras aproveitou a ocasión para pór o foco noutros retrocesos que o galego está a experimentar. Neste sentido considerou “tremendamente lesivo” o último decreto aprobado polo Partido Popular e recoñeceu que “o galego ten dereitos xurídicos recoñecidos mais na práctica non se poden exercer”. Aliás, aproveitando a presenza de medios internacionais, fixo un chamamento á atención da prensa internacional á manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela o próximo 8 de Febreiro. Afirmou que á sociedade galega “cómprelle unha resposta ampla e contundente na manifestación do 8 de febreiro”. Unha manifestación que prevé “masiva”.

Reaccións políticas

O BNG através da coalición “Europa dos Povos” rexistrou onte unha pregunta sobre o informe ELEN instando á Comisión Europea a moverse contra a “discriminación institucionalizada que sofre o galego”. Unha discriminación “basada no desprezo que vai en contra de diversos convenios internacionais suscritos polo estado español”. Ana Miranda trasladoulle onte ao copresidente do intergrupo de línguas do Parlamento Europeo, Jordi Sebastián, de Compromís (ALE) que o informe ELEN sexa presentado no intergrupo da eurocámara na reunón do mes de Febreiro.

Pola súa banda, Paulo Carlos de CxG, tamén anunciou que presentarán esta semana no Parlamento Europeo un documento que alerta á Comisión Europea sobre “a discriminación sistémica” que sofren os galegofalantes.

Comentarios