A Mesa lembra que "agresións lingüísticas" como a de Teo non son feitos illados

A MNL traslada o seu apoio ao Concello teense e súmase á petición de demisión do presidente do organismo estatal que denegou unha axuda ao municipio por remitir un dos escritos en galego.

Marcos Maceira presentando a app da Liña do Galego da Mesa Pola Normalización Lingüística. Foto: Irene Pin
photo_camera Marcos Maceira. Foto: Irene Pin

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) trasladou o apoio ao Concello de Teo após denegarlle o Estado unha subvención a este municipio por estar un dos escritos remitidos en galego. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, declarou que “parece mentira que no ministerio de Industria se priorice o fanatismo  antigalego ante o benestar da veciñanza de Teo” e que esta “ vén ser outra mostra da galegofobia que está a promover o Partido Popular nas institucións públicas”. Maceira anunciou que A Mesa xa está a tramitar unha queixa a través da Liña do Galego e contactou co alcalde teense, Rafael Sixto, para lle manifestar o apoio da Mesa ás accións que tome contra unha decisión “dun racismo lingüístico que debería estar desterrado de calquera organismo público pertencente a un Estado minimamente democrático”.

A Mesa sumouse á demisión do director xeral e do presidente do IDAE, organismo que denegou a subvención, para alén de exixir á Xunta de Galiza “un posicionamento claro e rotundo na defensa da lingua de Galiza perante este tipo de fanáticos”.

Maceira lembrou que, segundo sinalou A Mesa no informe da Liña do Galego de 2015, o 27% das queixas presentadas por vulneración dos dereitos lingüísticos estaban relacionadas coa Administración Xeral do Estado.

Comentarios