A Mesa insta a Xunta a atender o informe preliminar da ONU sobre as vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galiza

Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado da ONU, emitiu un informe preliminar no que recollía a discriminación lingüística en eidos como a xustiza, a administración pública ou o ensino. A Mesa pola Normalización Lingüística pide agora á Xunta de Galiza que se teña en conta. 

a mesa onu
photo_camera Equipa da Mesa con Fernand de Varennes.

O informe definitivo será presentado no Consello de Dereitos Humanos da ONU en marzo de 2020. Nel, Varennes, sinalou a “desconexión entre o estado reclamado dos idiomas cooficiais e o alcance do seu uso real”, o que supón di, unha “discriminación no acceso aos servizos públicos”. Será a primeira vez que o organismo internacional tome parte na situación do galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou logo un escrito no que reclama á Xunta a atención ao mesmo e expón a súa “disposición a colaborar” e a "estudar conxuntamente a modificación de todo o preciso para avanzarmos”. Na carta, o presidente da Mesa Marcos Maceira, pide a Alberto Núñez Feixó que "solucione as eivas nos dereitos lingüísticos no Estado", que deron orixe a, nas súas palabras, "importantes mobilizacións sociais dos últimos anos na defensa do noso idioma".

Igualmente, a entidade colaborou con Varennes, ofrecéndolle información sobre o marco lingüístico en Galiza e comprometéndose a mantelo informado da evolución ao respecto.

Comentarios