Concentración na Coruña

A Mesa esixe ao Ministerio de Ciencia que “non reproduza prexuízos” contra o galego

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades exclúe dos seus Premios Arquímedes, destinados a traballos de fin de grao de calquera universidade do Estado, todas as linguas cooficiais que non son o castelán. Esta situación, que transcendeu a pasada semana, levou á Mesa pola Normalización Lingüística a esixir do ministerio que “non reproduza prexuízos e discriminacións” contra o galego.
concentración a mesa galego ministerio 11 setembro 2019
photo_camera Concentración convocada pola Mesa perante a Delgación do Goberno na Coruña este 11 de setembro. Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística.

Fíxoo nunha concentración perante a Delegación do Goberno, na Coruña, esta cuarta feira 11 de setembro. “Queremos liberdade para o uso da lingua propia”, declarou o presidente da Mesa Marcos Maceira, quen foi contundente contra o Executivo central, ao que reclamou deixar de reproducir “unha certa consideración de inferioridade das linguas diferentes do castelán e das persoas que as utilizan”.

Os Premios Arquímedes estabelecen expresamente nas súas bases que as investigacións que opten ao galardón “deben estar redactadas exclusivamente en castelán”. “Deste xeito, por riba da calidade e interese dos traballos”, engadiu Maceira, “do seu rigor científico, do esforzo e valía demostrada polo estudantado, o ministerio prima a exclusión de linguas tan válidas como calquera outra para calquera actividade humana, tamén a científica, que son ademais oficiais nos seus territorios”.

Aínda a maiores o presidente da Mesa lembrou que, na Galiza, as universidades públicas teñen entre os seus obxectivos a “promoción e normalización” do galego. A situación no que respecta aos Premios Arquímedes vai “en contra do disposto no artigo 10 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, ratificada polo Estado español en 2001 e que se engade a outras trabas lingüísticas impostas pola administración educativa do Estado”.

Comentarios