205 despedimentos en Extel

A Mesa denuncia que a exclusión do galego na atención telefónica provoca despedimentos

Máis unha empresa do sector da atención telefónica vén de comunicar un ERE que lle afecta a 205 traballadores e traballadoras do centro da Coruña. A Mesa pola Normalización Lingüística advirte da necesidade de reclamar atención en galego para evitar os despedimentos.

Mobilización de traballadores e traballadoras de Extel na Coruña

Sobre un total de 355 traballadores e traballadoras de Extel que atenden o servizo 1004 de información ao cliente de Movistar pesa un ERE. A meirande parte das baixas, 205, corresponde ao centro de traballo da Coruña. O caso de Extel súmase, así, aos centros de atención á clientela que foron botando o feche na Galiza nos últimos anos.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinala que a estratexia responde á deslocalización, que “pasa por desmantelar o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas”. “Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. Na Galiza pasaron de 7433 postos de traballo en 2010 a 5393 en 2012”, advirte.

A Mesa reivindica solicitar sermos atendidos e atendidas en galego polas grandes empresas para “recuperarmos o perdido"

“Destrúese emprego e o noso idioma perde un espazo común de grande importancia, o da relación entre nós e as empresas. Ao mesmo tempo vulnérase o dereito de sermos atendidos e atendidas e entendidos e entendidas na nosa lingua, que estas empresas ignoran”, afirma Marcos Maceira, que reivindica solicitar sermos atendidos e atendidas en galego polas grandes empresas para “recuperarmos o perdido”.

Desta maneira, A Mesa vincula o uso da lingua coa creación de emprego. Neste sentido, Maceira asegura que a deslocalización de postos de na Galiza “agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais e a exclusión e mesmo prohibición de uso do galego ás traballadoras e traballadoras, sen opción mínima de escolleren as usuarias ou usuarios”. 

Comentarios