Asemblea da Rede Europea para a Igualdade das Linguas en Dublín

A Mesa denuncia que Estado e Xunta incumpren a Carta das linguas minoritarias

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia vulneración dos dereitos lingüísticos dos e das galegafalantes. Fíxoo este sábado en Dublín, na asemblea da Rede Europea para a Igualdade das Linguas, onde entregou ao xefe do Secretariado da Carta Europea das Linguas Minoritarias e Rexionais do Consello de Europa, Sixto Molina, un informe sobre a situación do galego.
 

Elsa Quintas - Sixto Molina - Marco Maceiras
photo_camera Elsa Quintas, Sixto Molina e Marco Maceiras o sábado 3 de novembro en Dublín. Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística.

O documento advirte de que o Estado e a Xunta incumpren as súas obrigas “en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal da lingua: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas”. Á capital irlandesa desprazáronse o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e mais a vicepresidenta, Elsa Quintas.

Foi o propio Maceira o encargado de expoñer o informe na asemblea xeral da Rede Europea. Esta entidade consultuva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, da ONU e da Unesco, agrupa 150 asociacións representativas en 23 Estados europeos. A mencionada Carta Europea é un tratado internacional promoviso polo Consello de Europa para “garantir a normalidade das linguas minorizadas”. O Estado español ratificouno no seu grao máximo en 2001.

“Os expertos europeos teñen alertado en varias ocasións sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta”, indica A Mesa nun comunicado remitido aos medios, “nomeadamente no ensino”. “O Estado mente ao Consello de Europa ao manipular os datos oficiais”, engadiu Marcos Maceira, “ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüismo”.

Segundo o relatorio da Mesa a partir de datos do Instituto Galego de Estatística, “en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)”. O informe presentado por Maceira en Dublín emprega cifras oficiais, informes da Mesa, do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega.

Comentarios