A Mesa denuncia o abandono de funcións por parte da Xunta no galego

QUEREMOS GALEGO

A Mesa pola Normalización Lingüística critica “o cinismo” da Xunta “e nomeadamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística”, por afirmar que apostan na promoción do galego no ámbito económico e empresarial “cando hai uns meses votaban en contra dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos neste ámbito”. Unha ILP avalada por máis de 28.000 sinaturas, que procuraba garantir por lei os dereitos lingüísticos da poboación no ámbito socioeconómico e tamén favorecer a creación de postos de traballo no país en sectores como os da teleatención.

Marcos Maceira, presidente da MNL, considera que “é vergoñento escoitar o secretario xeral de política lingüística dicir que a Xunta traballa na visibilización da lingua galega nun ámbito no que vetaron a posibilidade de aumentar dereitos lingüísticos para a poboación. O único que fan é vender fume”.

A Mesa denuncia o abandono de funcións por parte da Xunta e da SXPL, “o único que saben facer é vender plans de dinamización da lingua galega pantasma só para crear titulares”, en referencia aos anunciados pero non executados plans de dinamización do galego no tecido económico e o plan de dinamización do galego na mocidade.

Comentarios