A Mesa anima os novos alcaldes a ser referentes no “impulso institucional que o galego precisa”

A MNL iniciará una rolda de contactos cos alcaldes e alcaldesa das sete principais cidades de Galiza para lles expor accións concretas a prol do galego que se poden desenvolver desde a administración local.

A mesa pola normalización lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou unha entrevista cos alcaldes e alcaldesas da sete principais cidades galegas para “comezar unha nova etapa de verdadeiro impulso institucional ao galego”, en palabras do presidente da MNL, Marcos Maceira. “Os concellos deben de se converter en referentes para retomar a política lingüística que a Xunta abandonou en 2009, data en que ademais comezou unha acción contra a lingua sen precedentes na etapa democrática”, dixo.

A Mesa parte de que os concellos se comprometan no respecto ás propias normas autonómicas en relación á lingua, así como os plans e ordenanzas que algúns concellos xa teñen e aplican para a normalización do idioma, “mais que nalgúns casos sufriron graves incumprimentos que deben ser corrixidos”. Propón ademais avanzar a partir deses mínimos e facelo a través da proposta que a MNL fixo pública en novembro pasado. Naquela proposta recollíanse ideas e achegas como a oferta positiva en galego na atención ao público, que as empresas que traballen para as administracións local fagan uso do galego, a creación, onde non exista, dun servizo de normalización lingüística, ou que todas as actividades dos concellos se desenvolvan en galego.

“Existe un forte apoio social á lingua” sinalou Maceira, e engadíu que “ante a falta de apoio por parte da Xunta de Galiza, aínda tendo a obriga legal de o facer, deben ser os concellos quen actúen para encher o baleiro institucional a favor da lingua”.

Colaboración

Da Mesa pola Normalización Lingüística sinalan que ofrecerán toda a colaboración ás entidades locais “para construírmos entre todas e todos unha nova política lingüística, verdadeiramente favorábel ao galego.  

Comentarios