A Mesa agasalla ‘Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez’ ás cabezas de lista das candidaturas ao 12-X

Incide en que un futuro presidente ou presidenta “debe dar exemplo nun bo uso do noso idioma”.

Debate CRTVG 2020
photo_camera Debate CRTVG 2020

A Mesa pola Normalización Lingüística agasallará ás cabezas de lista das candidaturas que participaron no debate da TVG o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, publicado en Xerais por Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da asociación.

A entidade decidiu realizar este regalo, explica, “pola preocupación mostrada pola sociedade galega polas melloras claras que necesita o galego que utilizaron as sete cabezas de lista”. Como explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, "entre esas sete mulleres e homes está quen ocupará a presidencia do Goberno galego na próxima lexislatura" e "o autogoberno de Galiza ten como alicerce a existencia da nosa lingua propia". "Se hai Xunta é porque hai lingua", indica Callón.

As críticas ao galego empregado polas candidatas no debate da CRTVG encheron as redes sociais dende o mesmo momento do debate. Mesmo a cantora Sabela, célebre tras o seu paso polo concurso OT, expresou no Twitter: "Eu revisando o meu galego cada día porque teño palabras mal aprendidas. As/os políticos dicindo: 'se me acusa de protexer', que me saía dicir, aiiii se te acusa, bueno luegoooooo :( :( :( O #12xullo eu protexo a cultura".

Desde A Mesa desexan que o libro "sexa ben acollido e moi usado por estas destinatarias e destinatarios".

Comentarios