Na véspera do 27 cabodano de Carvalho Calero

O mérito do traballo, o valor da historia

Este sábado 25 de marzo é o 27 cabodano de Carvalho Calero. Para comemoralo resgatamos un artigo publicado no número 139 de Sermos Galiza (no caderno de análise A Fondo) pola escritora e profesora da UDC Pilar García Negro.

Carvalho
photo_camera Carvalho Calero

Xa vai para catro anos (1 de Xuño de 2011), publicaba un artigo no extinto Xornal de Galicia (desaparecido por orde da superioridade), que dei en titular “Un verso infeliz”. Nel, facía referencia a un volume, algo desfarrumallado, do libro Vieiros, de Ricardo Carvalho Calero, publicado en 1931. Este exemplar  -que posuímos grazas á xenerosidade de Margarida Carballo Ramos-  é o que o autor dedicou a Rodrigo Sanz. Este político agrarista e rexionalista moderado, que fundara o Ateneo ferrolano onde un mozo Carvalho proferira unha conferencia, leu, polo que demostran as súas anotacións, moi atentamente este volume poético daquel escritor novel de 21 anos. Cualifica, en xeral, positivamente os seus poemas, mais hai un apontamento que chama particularmente a atención. É o que reza: “Buena. Otro verso infeliz por corto”. Este verso defectuoso di así: “n-un rexurdir grorioso da Galiza”. Todo o poema está escrito en versos de catorce sílabas e finaliza con este, de once. Tal e como o lemos, este final non se debe á impericia do autor, mesmamente moi sabedor da preceptiva e da retórica poética, senón á vontade de marcar un presente aberto a expectativas melloradas, un futuro de rehabilitación para a nación, desexada na mención previa da praza da Quintana, onde tiñan lugar os mítins das arengas, por exemplo, como preludio e celebración do Día da Patria Galega.

Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre e, na derradeira década da súa vida, reatar a súa biografía con aqueles anos da mocidade republicana e nacionalista, abruptamente interruptos pola guerra civil española e a barbarie nela desatada e alongada durante toda a duración do rexime ditatorial. Sempre se reclamou dun único partido, o Partido Galeguista de antes da guerra, e sempre se manifestou leal ao seu ideario e á súa práctica. Nunca admitiu ser considerado un heterodoxo ou un disidente, xustamente por se considerar fiel a aquela ortodoxia. Mais dáse a circunstancia de que cando se selou a defunción definitiva daquel partido por quen administraban a súa sigla e xa tiñan máis que decidida a súa liquidación, Carvalho non se afilia á deserción (Realidade Galega) nen secunda os planos piñeiristas de dilución dos galeguistas nos partidos estatais-españois (Fernández Albor: Alianza Popular; García-Sabell, UCD-PSOE; Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde, independentes nas listaxes do PSOE para as primeiras eleicións autonómicas de 1981 e, ao fin, deputados deste grupo parlamentar na primeira Cámara galega). Carvalho nen secunda esta política nen asegunda o nacionalismo galego que profesara e que, no comezo da década dos oitenta, xa tiña outros titulares, outras siglas, outra organización e outras miras de concienciación e de mobilización social. Colaborou, por iso, activa e cordialmente, en e con actos organizados polo BNG, por asociacións culturais nacionalistas, coa AS-PG, con AGAL, coa Mesa pola Normalización Lingüística, que nacera na primavera de 1986. Del foi o discurso que puxo o ramo ao nacemento desta asociación.

Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre

Voltemos a anos anteriores. Tanto na Real Academia Galega (onde ingresara no 17 de Maio de 1958 cun discurso sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro) como na editorial Galaxia, Carvalho dá mostras cumpridas de ser o intelectutal mellor preparado da súa xeración e aquel, dos sobreviventes ou dos residentes na Galiza, a quen se lle podía e debía encomendar a elaboración da gramática moderna do galego ou da primeira historia da literatura contemporánea realizada con rigor e criterios científicos e solventes. Relembremos as datas. A segunda coñece a súa primeira edición en 1963; a primeira ve a luz en 1966 e acadará sete edicións. Non por casualidade. No ecuador desta década de sesenta nacen a Unión do Povo Galego, o Partido Socialista Galego, asociacións culturais decisivas como O Galo ou O Facho, en Compostela e na Coruña respectivamente. ¿Que queremos significar? Había fame de coñecer e practicar con autenticidade e corrección o galego e, por suposto, de se informar sobre unha das súas artes fundamentais, a literatura. Carvalho serviu estes cometidos co máximo pundonor e seriedade. A partir da fin da década de setenta e ao longo de toda a seguinte, decrétase o seu desterro, polas razóns antes comentadas. No medio e medio desa década final da súa vida, non ten onde publicar a novela Scórpio. Farao, xestión mediante de Francisco Pillado, na editorial Sotelo Blanco. Igualmente, as súas memorias dialogadas, publicadas tamén nesta editora, da autoría do escritor citado e mais de Miguel Anxo Fernán-Vello, sofren contundentes presións para evitar a súa saída como libro.

Após este sucinto repaso da súa fortuna e da súa ubicación como autor, ¿cabe falar, como hoxe se fai frívola ou indignamente, de “ídolo”, de “controlador” ou “canonizador” da literatura galega, de mandamáis da historiografía literaria? Disparatada maneira de reescreber a historia. Hoxe ninguén fala de Constantino García, catedrático que foi de Filoloxía Románica, asturiano radicado na Galiza, e el si manillador verdadeiro de canto se movía naqueles anos en materia lingüístico-editorial do país, con tanto ou máis poder do que calquer dos conselleiros do ramo ou en perfeita sintonía con eles. Sábeno moito mellor ca min os negros da súa obra ou todos aqueles que secundaron o seu mando e del se beneficiaron. Aquí si que temos o perfil dun auténtico mandarín.

¿cabe falar, como hoxe se fai frívola ou indignamente, de “ídolo”, de “controlador” ou “canonizador” da literatura galega, de mandamáis da historiografía literaria?

A obra extensa, inmensa en número e perfeitamente salvábel en calidade e rigor (o que non implica, como se nos caricaturiza a quen así o recoñecemos, adoración acrítica, ou seguimento reverencial ou mimetismo analítico) de Carvalho aí está, fala por si mesma e a ela nos referimos no noso libro Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, continuación doutros previos da asociación cultural Medulio, de Ferrol, de Aurora Marco, Martinho Montero Santalha, Carmen Blanco, Francisco Salinas ou Reimunde Norenha, para alén das memorias antes citadas. Volumes póstumos como Do galego e da Galiza ou Umha voz na Galiza continúan a conter textos utilísimos para a diagnose da nosa lingua e para completarmos o coñecemento preciso da nosa literatura.

Carvalho Calero

Neste cuadro, facer de Carvalho (penúltima acometida descualificadora) campión do sexismo, e dos principais vultos do nacionalismo galego lamentábeis promotores da degradación das mulleres, cando este nacionalismo arrinca xustamente con Rosalía de Castro, unha muller que falou con elocuencia, prevenindo ela propria do mito falsificado que outros (colonizadores e colonizados) cerraron sobre a súa persoa e obra, sobarda, francamente, toda secuencia entendíbel. ¿Que fiabilidade poden ter unhas teses supostamente contestatarias edificadas sobre a deformación calculada do que se refuta para así construír unha pura falsificación da diacronía da cultura-política-literatura galega? Insistimos: a obra de Carvalho fala en por ela. Ninguén o colocou en nengún santoral. Desde logo, non quen ten a ben valorar aquela en todo o que merece: polo traballo valioso de tantos anos, polo valor da historia de noso, máis moderna, desde logo, da que representan grandes figuras da intelligentsia española contemporánea, como Unamuno, Ortega y Gasset, Marañón, Gómez de la Serna, Juan Ramón Jiménez ou Martínez Sierra. Mais, claro, para xulgarmos os tremendos pecados dos nosos compatriotas, é conveniente coñecer algo da sincronía en que escreberon e dos condicionantes e limitacións do seu sexo masculino, nen máis nen menos que cando comprendemos (porque non temos vocación de xuíces ou de fiscais) os idem do sexo feminino, subordinado e submiso en tantas ocasións non por fatalismo conxénito senón por imposición social e política. 

25 de Marzo de 2015: 25 aniversario do falecemento de Carvalho Calero. A súa obra segue a ser viva, valiosa e útil. Leámola e aproveitémola sen caricaturas. 

Comentarios