A AELG organiza este sábado a décima xornada de tradición oral

Sobre a memoria das palabras comúns

Hai as palabras do dicionario e hai as palabras que parece sempre estiveron aí. As palabras que conforman o mapa, físico e non só, da comunidade: topónimos, frases feitas, nomes propios. Destas é das que se ocupará a décima Xornada de Literatura de Tradición Oral, que a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza este sábado en Lugo.
 

o escritor Isidro Novo
photo_camera O escritor Isidro Novo. Foto: cedida.

"Somos singulares porque cadaquén temos reservado un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo", sinalan desde a AELG, "porque pisamos territorios nomeados". "Recuperar e actualizar esa memoria" é o obxectivo expreso dun encontro que contará con expertos en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía.

Coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Deputación de Lugo, arrincará ás dez e media da mañá cunha conferencia de Xulia Marqués Valea titulada Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego. O escritor e colaborador de Sermos Galiza Isidro Novo disertará despois sobre "palabras ao ventimperio". Estes dous relatores pecharán a quenda da mañá coa mesa redonda Saber o seu nome sen perder a súa voz, coordinada por Antonio Reigosa.

Xa de tarde, María Rosario Soto Arias dedicará a súa exposición á fraseoloxía. O escritor Gonzalo Navaza falará de "toponimia e lendas" e ambos os dous debaterán baixo o epígrafe de O abc do noso ADN simbólico-cultural. A xornada rematará cunha sesión práctica ás sete e media do serán sobre o chamado "latín dos canteiros" en que participarán o investigador Xesús Antón Gulías e os canteiros Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.

"Decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos como se non, aínda están impresas no noso mapa emocional", conclúen desde a organización, "porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na historia das palabras". Todas as charlas serán no salón de actos da Deputación de Lugo e a entrada é de balde.

Comentarios