Como dicilo?

Mel

Trasladábame aí atrás o meu vello amigo e entusiasta da nosa lingua, César Varela, a súa ledicia. Escoitara unha muller do Irixo exclamar Favo de mel! para expresar o boa que era unha situación. "Canto mellor que ese madrileñí Miel sobre hojuelas!", reflexionaba o César.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Filloas

Efectivamente,  aínda que favo está rexistrado nos dicionarios galegos dende moi atrás -xa en Sarmiento- e mesmo no actual da Academia Galega (‘Conxunto de pequenos compartimentos hexagonais, elaborados con cera, onde as abellas depositan o alimento e os ovos ‘ ou ‘cada un deses compartimentos’) eu non o tiña escoitado nunca directamente. Sinto tamén a alegría do meu amigo.

Favo é palabra galegoportuguesa, e quen quixer ouvir unha  canción brasileira chamada precisamente Favo de mel pode chiscar aquí.

En galego temos distintas palabras sinónimas de favo; covo, trobo, cortizo, colmea…

Quer utilicemos a expresión Favo de mel!  quer a de Por riba de mel filloas! para gabarmos algo -ou para empregala ironicamente-  debemos falar do nome deses doces galegos tan coñecidos e aprezados que, baixo diversas receitas e denominacións, tamén se poden atopar en moitas partes do mundo: as filloas.

A palabra filloa provén do latín fŏlĭŏla, diminutivo de fŏlĭa, é dicir é unha folliña, unha lámina feita ao fritir na tixola (ou na pedra filloeira, orixinalmente) o amoado basicamente feito de leite ou auga, fariña e ovo (e para ben ser algo de caldo). A palabra galega, en normal evolución, debería resultar folloa mais unha disimilación —é dicir unha diferenciación de vocais iguais— mudou o primeiro o nun i. As veces nalgunhas bisbarras o nome é filló (e o plural fillós ou filloses). Mais, ollo! que en portugués as fillós, tradicionais no tempo do Nadal, equivalen ás nosas orellas e as fillós de forma fanse cun molde metálico de determinado feitío. como por exemplo  as flores.

Hai quen utiliza a palabra freixó como equivalente de filloa e quen reserva esa denominación para as filloas de sangue ou ben para as máis grosas, feitas cun amoado compacto e con torresmos. Resulta elocuente que este último prato reciba nalgunhas partes o nome de afartacáns.

E, rematamos con outra masa en follas, esta vez de pastelaría. Lembremos que o castelanismo hojaldre é en galego follado (en portugués massa folhada). Aínda que tamén se lle chama follado á filloa grosa que —vai ti saber se por aparentar máis gorda— recuperou o  seu o.

Comentarios