Marcos Maceira: "O que non muda é que o galego leva demasiado tempo confinado"

A plataforma Queremos Galego volve outro ano máis reivindicar o idioma propio coincidindo coa data do 17 de maio, Día das Letras Galegas. As medidas do estado de alarma mudaron os actos mais non a mensaxe, que pasará da rúa ás vivendas a través dunha convocatoria aberta. Conversamos co seu portavoz, Marcos Maceira.
marcos maceira

Un 17 de maio diferente, non é?

A celebración será diferente mais o que non muda é que o galego leva confinado demasiado tempo. Non só nos últimos dez anos, en que se acelerou ese confinamento e en que aumentou de intensidade, senón case séculos. Agora deberían comezar a mudar isto.

Estamos en 2020 e levamos máis de trinta anos de autonomía que non parece que servisen para mudar a situación do galego. Entre outras cousas porque os poderes públicos non optaron por unha vía que é necesaria mesmo para o desenvolvemento social, económico, cultural do noso país, que é a normalización lingüística, activar realmente ese proceso. Ese papel xogárono entidades sociais de diferente tipo, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma Queremos Galego, coa mobilización social mais sen respaldo dos poderes públicos.

É unha situación que non aconteceu nos outros territorios con lingua propia do Estado. Pensamos que é hora de desconfinar o galego e desconfinalo xa definitivamente.

Organismos internacionais  denunciaron esta situación. Que opina da reacción do Goberno galego?

Debería avergoñar as institucións galegas, quen teñen a obriga legal e moral, que se recoñeza fóra do país. Isto debería  comprometer quen goberne os vindeiros catro anos a Galiza. 

Nas últimas semanas, o presidente da Xunta prescindiu do galego para dirixirse á cidadanía. Que lle parece esta actitude?

Se un presidente do Goberno galego non é capaz de utilizar a lingua propia do seu país para informar a cidadanía de algo de tanta relevancia como é a situación de epidemia que estamos vivindo, é unha persoa que non é capaz de apostar en nada polo país. Non é capaz de mostrar que é galego, que é o presidente de todas as galegas e galegos. Na lingua é onde se pode visibilizar o que é un e con que se identifica. É moi ilustrativo da política lingüística que se seguiu nos últimos dez anos. Non ten vontade de exercer a representación que ten encomendada, de ser presidente da Xunta. Con lingua podemos optar a Gobernos que nos protexan e que actúen para mellorar as nosas condicións de vida tamén. 

No manifesto deste ano Queremos Galego envía unha carta aberta a Carvalho Calero. Que significou a súa figura para a lingua galega?

É unha persoa que traballou toda a súa vida, en todos os ámbitos onde estivo, para desconfinar a lingua galega. Para que Galiza existise como tal. Queremos Galego e outras entidades levamos moito tempo loitando para que se lle recoñeza a nivel público e institucional o que xa se lle recoñeceu mesmo en vida por parte de entidades sociais como A Mesa ou a AGAL e moitas outras por todo o país.  É unha mostra do que se move na sociedade e como actúan os poderes públicos. Nós cremos que coas condicións deste ano era merecente de que continúe a súa homenaxe en 2021. É unha reivindicación moi clara que tamén conta co apoio de multitude de asociacións e mostra esa forza que mantén aínda o seu legado dentro da nosa sociedade. 

Lembran no manifesto que Carvalho Calero dicía que había que gañar para o uso do galego os sectores que empregaban o castelán. Como se pode facer?

En primeiro lugar tendo a dispoñibilidade do galego en todo e para todo, algo que non temos hoxe. Por exemplo no comportamento dos poderes públicos galegos en relación a isto e os poderes estatais. Algo tan simple como que hoxe unha persoa non pode facer trámites obrigatorios en galego, desde pagar unha multa, determinados tributos ou darse de alta na Seguridade Social ou agora mesmo facer trámites co Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE). Xa por non falar da situación do galego nos medios de comunicación ou no ensino onde o galego está prohibido nunha parte considerábel do horario escolar.

Coa situación actual agravouse. Mesmo as materias que se teñen que impartir en galego non contan con materiais prácticos para fornecer ao alumnado nas diferentes canles de correo electrónico ou nas redes sociais en galego. Esa situación de confinamento no ámbito do ensino reduciu aínda máis a escasa presenza da lingua galega. Se o galego tivese presenza, sería moito máis fácil a recuperación de falantes. Aínda así cada vez hai máis persoas que se incorporan á lingua galega, nais e pais que lles falan galego ás súas fillas e fillos e que toman conciencia disto. Sen apoio publico, é un esforzo máis titánico. Agora mesmo a sociedade actúa soa en defensa da lingua galega.      

Defender o galego en xanelas en varandas

Este 17 de maio a plataforma  Queremos Galego, malia todas as limitacións froito do actual estado de alarma en toda a Galiza, volve convocar a sociedade na reivindicación da nosa lingua. Convida a pendurar a bandeira galega nas xanelas ou varandas e preparou unha serie de cartaces que difunde na súa web coa singularidade de que poden ser pintados por nenas e nenos. A acción reivindicativa estará presente tamén nas redes sociais ás 12 horas con mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios cos cancelos  #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego, #17demaio e #Eufalogalego. Ás 13 horas a plataforma convida tamén a saír á xanela para cantar "A fala", con letra de Manuel María e música de Uxía e Sérgio Tannus. Ese mesmo día terá lugar un acto de homenaxe en pequeno formato diante da escultura que Ricardo Carvalho Calero ten na cidade de Compostela. 

Comentarios