Marcos Maceira encabezará a nova directiva da Mesa pola Normalización

O actual coordenador do Correlingua será o novo presidente da asociación en defensa do galego, na que Mónica Pazos e Carlos Outeiro asumirán as vicepresidencias. Deixan a directiva Carlos Callón -após doce anos á fronte da Mesa- e tamén Iria Taibo. O relevo terá lugar na asemblea do próximo sábado na Coruña.

O próximo sábado terá lugar na Coruña a asemblea nacional da Mesa pola Normalización Lingüística, cuxa presidencia abandonará Carlos Callós após 12 anos. E está mañá coñeceuse que o seu substituto á fronte da asociación cultural máis grande de Galiza será Marcos Maceira, xa moi ligado á defensa do galego e actual coordenador do Correlingua.

Nacido en Santiago en 1978, Marcos Maceira Eiras é Licenciado en Historia. Xestor Cultural, coordinador do Correlingua e xa era membro da actual permanente da Mesa, así como da Xestora da plataforma cidadá Queremos Galego desde o seu nacemento. No ensino medio formou parte do Consello Nacional dos Comités Abertos de Estudantes sendo representante no Consello Escolar de Galiza (1996-98); Responsábel de Organización dos CAF (do 99 ao 2001). Como activista cultural foi Secretario (2002-2012) e Presidente da Agrupación Cultural O Galo (2012-2014), formando parte da comisión promotora da homenaxe nacional a Uxío Novoneira (1999), coordinador do Simposio-homenaxe a Xosé Chao Rego (2004), e do Simposio Internacional Prisciliano (2006). No 2011 participou na organización da federación asociacións culturais galegas Galiza Cultura sendo un dos vicepresidentes. Tamén colabora activamente coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega coa que comisarou a exposición 'Galiza nun Tempo de Seu' e coordinou tamén un especial de Sermos Galiza co mesmo título.

Pola súa parte, as vicepresidencias da nova directiva "de continuidade" da Mesa serán para a profesora Mónica Pazos e o traballador de Navantia Carlos Outeiro. A secretaría xeral queda para a enfermeira, antropóloga e sindicalista Susana Méndez, e tamén formarán parte da Permanente o mestre Paulo Filgueiras, a avogada Elsa Quintas e o tamén profesor Manuel Rei.

Ademais de Callón, deixa a directiva da Mesa Iria Taibo.

Na presentación pública da súa candidatura, que será a única, Maceira sinalou que o grupo que encabeza asume o compromiso de continuar o traballo na Mesa, "consciente da dura situación que vivimos, mais cheos de esperanza ao comprobar como nos últimos anos a mobilización social en favor do galego medrou exponencialmente. Unha mobilización imprescindíbel xa que, segundo a historia demostra, todos os avances que o galego foi conseguindo se deberon á mobilización social do pobo", argumentou. "Feijóo debería honrar o posto de máis alta representación do pobo galego. Mais se despreza a nosa lingua, o noso maior sinal de identidade, despreza tamén o pobo que representa”, engadiu.

Comentarios