mércores 15.07.2020

Marcos Maceira, eleito en Barcelona vicepresidente da Rede Europea pola Igualdade das Linguas

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística denuncia na IV Asemblea Xeral da ELEN que “estamos nun proceso de estranxeirización do galego no seu propio país”.

Marcos Maceira co presidente da Generalitat, Carles Puigdemont
Marcos Maceira co presidente da Generalitat, Carles Puigdemont

A Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN polas súas siglas en inglés) engloba un centenar de entidades representativas de 42 comunidades lingüísticas, de idiomas minorizados. Realizou esta fin de semana a súa IV Asemblea Xeral en Barcelona e contou co apoio ao máis alto nível das institucións catalás: foron obxecto dunha recepción esta sexta feira por parte do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e a cimeira foi inaugurada este sábado pola presidenta do Parlament, Carme Forcarell.

No seu discurso, Forcarell defendeu que  “a pluralidade lingüística é unha riqueza que hai que manter, protexer e pór en valor”.

Na Asemblea Xeral elixiuse novo comité de dirección. Encabézano como presidente Ferran Suay, da Acció Cultural do País Valenciá, e como vicepresidente Marcos Maceira, titular á vez da Mesa pola Normalización Lingüística. Pola MNL tamén estivo presente na cimeira Paulo Filgueiras, secretario de Relacións Institucionais.

Marcos Maceira puxo o acento sobre a lexislación regresiva en materia lingüística posta en andamento polo PP desde que recuperou o poder na Xunta en 2009

A asemblea tivo como cenario o salón Berlín do Camp Nou, o estadio dun Futbol Club Barcelona que ao longo da súa historia -como puxo en destaque na súa intervención o seu directivo Jordi Moix - se ten caracterizado polo seu compromiso coa lingua catalá, idioma oficial do clube “desde hai 100 anos”.

Nos traballos asembleares, a ELEN debruzouse sobre as accións e o apoio mutuo que as distintas entidades se poden prestar entre si en orde a conseguir o pleno recoñecimento da pluralidade e a diversidade lingüística. Nese sentido, o secretario xeral da organización, Davyth Hicks, declarou que “o desprezo e a discriminación das linguas minorizadas é unha forma de racismo tal e como sinala o Consello de Europa”.

Por súa parte, Marcos Maceira puxo o acento sobre a lexislación regresiva en materia lingüística posta en andamento polo PP desde que recuperou o poder na Xunta en 2009, un retroceso “sobre unha situación xa precaria” que estaría a impedir o exercicio do direito básico a viver en galego.

comentarios