En que consisten os faladoiros que organizan en Vigo?
É un espazo para falar, un lugar que era necesario, sobre todo nunha gran cidade como é Vigo, para que a xente puidese conversar e practicar a lingua galega. Varios membros máis do colectivo notamos que as persoas dicían que non falaban galego porque non tiñan con quen falalo. Eu son de Carballo e antes de vir aquí nunca pensei que fose posíbel. Hai xente que coa súa familia, coas súas amizades, no supermercado só fala en castelán e aínda que queiran practicar non teñen con quen facelo. O faladoiro tenta cubrir esa necesidade de ter un espazo no que a xente saiba que un día a unha hora sempre pode ir e practicar.
Como nace este proxecto de grupos de conversa en lingua galega?
Xurdiu a idea o verán pasado, coido que entre agosto e setembro. Unhas persoas decidiron enviar un post nas redes sociais anunciando que lles gustaría facer un proxecto deste estilo. Puxémonos en contacto a través do correo electrónico e nunha xuntanza organizámolo.
A idea era facelo de maneira presencial en bares e cafetarías. Iniciámolo a principios de outubro dous días á semana polas tardes. Cando nos confinaron de novo tiñamos a opción de paralizalo ou tentar facelo por Internet. Optamos por esta segunda vía e tivo moi boa acollida. A idea foi sempre visualizar o galego dentro da cidade, estaría ben que en vilas e cidades houbese algo parecido, mesmo que non dependese de persoas voluntarias como é o noso caso.
Que perfil de participantes teñen nos seus grupos de faladoiros?
A través de Internet comezou a participar moita xente de Arxentina e México. En todo caso, todo o mundo agarda que volvan as conversas presenciais. Os grupos son moi hetereoxéneos, hai desde xente moi nova até xubilados. Cando tiñamos a actividade presencial lembro que estabamos nunha cafetaría e achegóusenos unha moza que viña cun rapaz novo de 12 anos e explicou que tiña problemas co galego na escola e buscaba un sitio onde poder practicar. Hai homes e mulleres por igual e de todas as idades. Entre as participantes tamén hai mestras e mestres.
Cal cre que é a razón de que se perda o galego nas cidades?
A falta de uso, de referentes, da idea de que non se pode empregar en certos ámbitos en que se cre que está ben visto falar só en castelán. Pode ser o motivo polo que comezou polas grandes cidades.
E cal é o motivo de que se busque practicar o galego?
Para recuperar a cultura. No caso que temos agora de persoas de suramérica é por querer recuperar as raíces, saber de onde veñen. Teñen devanceiros que emigraron e queren falalo. Temos o exemplo dun participante que lle ensina á súa filla pequena. No caso das persoas de Vigo hai de todas as idades e a maior parte sempre falou en castelán. Decátanse de que non son capaces de defenderse en galego, un idioma que forma parte da súa identidade.
Como serán os faladoiros no futuro?
O que desexa a xente é que volva a actividade presencial. Moitas e moitos que colaboran preferiron quedar en reserva até que regrese a normalidade. É o noso obxectivo inmediato. En paralelo, como conseguimos crear a versión en liña, gustaríanos mantela reaxustando horarios. Dependerá un pouco do nivel de voluntarias e voluntarios que nos axuden. Cada quen dedícalle as horas que pode e cando pode.