Marcos Loureiro: "O galego desaparece nas cidades por pensar que non se pode empregar en certos ámbitos"

Entre 30 e 40 voluntarias e voluntarios de todas as idades participan activamente na recuperación do galego en Vigo a través de reunións para practicar a conversa. Estes espazos de comunicación oral, os "Faladoiros", naceron o ano pasado de maneira presencial para entrar no eido virtual coas restricións sanitarias. Hai uns días constituíronse como asociación. Nós Diario fala co matemático Marcos Loureiro García, un dos seus membros fundadores.  
O matemático Marcos Loureiro García é un dos membros da organización dos faladoiros na cidade olívica (Nós Diario).
photo_camera O matemático Marcos Loureiro García é un dos membros da organización dos faladoiros na cidade olívica (Foto: Nós Diario).

En que consisten os faladoiros que organizan en Vigo?

É un espazo para falar, un lugar que era necesario, sobre todo nunha gran cidade como é Vigo, para que a xente puidese conversar e practicar a lingua galega. Varios membros máis do colectivo notamos que as persoas dicían que non falaban galego porque non tiñan con quen falalo. Eu son de Carballo e antes de vir aquí nunca pensei que fose posíbel. Hai xente que coa súa familia, coas súas amizades, no supermercado só fala en castelán e aínda que queiran practicar non teñen con quen facelo. O faladoiro tenta cubrir esa necesidade de ter un espazo no que a xente saiba que un día a unha hora sempre pode ir e practicar.

Como nace este proxecto de grupos de conversa en lingua galega?

Xurdiu a idea o verán pasado, coido que entre agosto e setembro. Unhas persoas decidiron enviar un post nas redes sociais anunciando que lles gustaría facer un proxecto deste estilo. Puxémonos en contacto a través do correo electrónico e nunha xuntanza organizámolo. 

A idea era facelo de maneira presencial en bares e cafetarías. Iniciámolo a principios de outubro dous días á semana polas tardes. Cando nos confinaron de novo tiñamos a opción de paralizalo ou tentar facelo por Internet. Optamos por esta segunda vía e tivo moi boa acollida. A idea foi sempre visualizar o galego dentro da cidade, estaría ben que en vilas e cidades houbese algo parecido, mesmo que non dependese de persoas voluntarias como é o noso caso.

Que perfil de participantes teñen nos seus grupos de faladoiros?

A través de Internet comezou a participar moita xente de Arxentina e México. En todo caso, todo o mundo agarda que volvan as conversas presenciais. Os grupos son moi hetereoxéneos, hai desde xente moi nova até xubilados. Cando tiñamos a actividade presencial lembro que estabamos nunha cafetaría e achegóusenos unha moza que viña cun rapaz novo de 12 anos e explicou que tiña problemas co galego na escola e buscaba un sitio onde poder practicar. Hai homes e mulleres por igual e de todas as idades. Entre as participantes tamén hai mestras e mestres. 

Cal cre que é a razón de que se perda o galego nas cidades? 

A falta de uso, de referentes, da idea de que non se pode empregar en certos ámbitos en que se cre que está ben visto falar só en castelán. Pode  ser o motivo polo que comezou polas grandes cidades.

E cal é o motivo de que se busque practicar o galego?

Para recuperar a cultura. No caso que temos agora de persoas de suramérica é por querer recuperar as raíces, saber de onde veñen. Teñen devanceiros que emigraron e queren falalo. Temos o exemplo dun participante que lle ensina á súa filla pequena. No caso das persoas de Vigo hai de todas as idades e a maior parte sempre falou en castelán. Decátanse de que non son capaces de defenderse en galego, un idioma que forma parte da súa identidade.

Como serán os faladoiros no futuro? 

O que desexa a xente é que volva a actividade presencial. Moitas e moitos que colaboran preferiron quedar en reserva até que regrese a normalidade. É o noso obxectivo inmediato. En paralelo, como conseguimos crear a versión en liña, gustaríanos mantela reaxustando horarios. Dependerá un pouco do nivel de voluntarias e voluntarios que nos axuden. Cada quen dedícalle as horas que pode e cando pode.

Comentarios