Manuel Barreiro: "A lingua galega é unha vantaxe competitiva fronte ás grandes compañías de comunicación"

Manuel Barreiro vén de recibir o premio María Luz Morales ao ensaio escrito sobre o audiovisual galego polo seu traballo Hai alguén aí? O reto das novas plataformas e o futuro dos nosos medios públicos. O certame, organizado pola Academia Galega do Audiovisual e no que colaboran as deputacións, promove a investigación científica e teórica no ámbito audiovisual. Un galardón que o propio Barreiro non agardaba obter, como el recoñece, pero que recibiu con “inmensa ledicia”.  
Manuel Barreiro é colaborador de ‘Sermos Galiza’, onde conta cunha columna sobre banda deseñada. (Foto: Nós Diario) #manuelbarreiro #lingua #premio #galego #sermosgaliza
photo_camera Manuel Barreiro é colaborador de ‘Sermos Galiza’, onde conta cunha columna sobre banda deseñada. (Foto: Nós Diario)

-Vostede é un recoñecido traballador do audiovisual galego, por que decidiu escribir sobre o sector dunha maneira máis teórica?

Penso que fai falta investigar máis sobre o noso. Nas facultades fanse moitas investigacións sobre o audiovisual de fóra, cando aquí temos un sector que é bastante importante dentro do Estado español. Probabelmente, despois de Madrid e Barcelona, dos máis importantes. Temos unha televisión pública propia, tres universidades, escolas de imaxe e son de formación profesional... É unha estrutura moi forte relacionada co audiovisual. Está moi ben investigar sobre o resto, evidentemente, mais penso que ás veces temos ese complexo de que o noso non é importante, pero iso non é así. Polo tanto, está moi ben ter un corpus teórico sobre os nosos sectores culturais.

-O seu ensaio titúlase Hai alguén aí? O reto das novas plataformas e o futuro dos nosos medios públicos.

Nel falo sobre o cambio no sector a partir da masificación de Internet. Que a maioría de persoas teñan unha conexión de alta velocidade permite que na rede se implanten unha serie de empresas como Netflix, HBO ou Amazon... O volume de orzamento que son capaces de mover estas multinacionais é tan amplo que son quen de modificar os mercados nos que se introducen. No ensaio, abordo como este escenario afecta as televisións autonómicas e a partir das fortalezas e debilidades destas, cal pode ser o seu futuro. A Galega ten unha vantaxe con respecto a estes xigantes da comunicación: chegar a lugares onde Netflix e Amazon non poden chegar, e manexar uns códigos culturais difíciles de asimilar para elas.

-Antes mencionaba o seu pasado no sector audiovisual. Cando lle naceu o interese polo mundo da comunicación?

O interese vén case da miña propia experiencia. Moitas das experiencias que vivín como traballador do audiovisual, relacionadas coa precariedade pero tamén co gran potencial deste sector cultural tan importante para a Galiza, fixéronme pensar que era necesario expresar a miña visión nun ensaio, aínda que non sexa a máis habitual. Temos unha industria cultural galega marabillosa, pero existen eivas en materia de precariedade e condicións laborais.

-Cales cre vostede que son os puntos forte e feble do sector audiovisual galego agora mesmo?

O punto forte abrangue a capacidade de traballo e a calidade deste, a experiencia, a infraestrutura creada... temos un sector cunha traxectoria xa moi longa. Contamos con profesionais moi reputados. Desde actores e actrices, como Luís Tosar ou Melania Cruz, até técnicos, directores de fotografía, directores de cine, directores de series... O punto máis feble? Hai unha serie de debates que se teñen que dar. Necesítanse investimentos e máis seguridade laboral. A Xunta non apoia o audiovisual o suficiente. Sempre gusta que Oliver Laxe ou Alfonso Zarauza leven premios nos principais certames, mais se non se inviste o suficiente, pasan a ser a excepción.

-Como ve o futuro do audiovisual galego e en galego?  

Por un lado son pesimista. Penso que existe unha evidente falta de calidade na programación e no discurso programático que ten a CRTVG. Fechando informativos locais de radio, facéndose un tipo de programas e un tipo de humor determinados, deixando unha parte da poboación apartada... Mais tamén teño esperanza porque levamos moitos anos tendo unha infraestrutura poderosa e moi bos e boas profesionais. Ademais, o feito de contar cunha cultura e un idioma propio tamén axuda. A lingua galega é unha vantaxe competitiva fronte ás grandes compañías de comunicación.

Comentarios