Quer queiran, quer non...

Este domingo ás 12 do mediodía arrinca da Alameda de Compostela a mobilización nacional pola lingua que nos une e contra a españolización do ensino público. Convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, pídese a derrogación do 'decretazo' e da 'Lei da Wertgoña'. A AGAL volverá levar faixa propia co lema A nossa língua é internacional
photo_camera Praza da Quintana, 17 de maio de 2012 [Imaxe: SG]
  • Seis sentenzas que botan abaixo os dous alicerces con que a Xunta do PP impuxo nas aulas a súa política lingüística —a consulta ás familias e que o alumnado se expresase na lingua "da súa preferencia"—, mais que a consellaría de Educación se nega a derrogar.
     
  • Unha lei orgánica, a LOMCE, que se di de mellora da calidade educativa e que vén españolizar o ensino outorgándolle á materia de relixión máis importancia que ás linguas propias, para alén de rebaixar do 45% ao 35% a autonomía dos territorios para achegaren contidos ao currículo educativo e de pagar con diñeiro público aulas integramente en castelán que se impartirán na privada.
  • Un proxecto orzamentario, o que o Goberno de Feijóo debullou nestes días no Parlamento, que reserva para as actividades ligadas á normalización 5,7 millóns, un 0,06%, a metade dunha décima, un terzo do que a Administración Fraga investía hai vinte anos; o recorte é do 60% respecto a 2012 e do 90% respecto a 2005.

As sinaladas son as tres razóns principais polas que Queremos Galego chama ás rúas este domingo, 27 de xaneiro, convocando máis unha mobilización nacional en prol da lingua do País. Non quedou practicamente ningún colectivo social e cultural da Galiza que non fixera unha chamada pública a participar deste berro conxunto en prol da lingua que nos une. Os apoios chegaron tamén de todas as forzas políticas con representación parlamentar, agás do PP.

Así as cousas, e malia a teima do Concello en prohibila, a manifestación sairá da Alameda de Compostela ás 12 do mediodía e percorrerá as rúas da cidade até chegar á Praza da Quintana. Alí, para alén da intervención d@s representantes de Queremos Galego, Susana Méndez e Carlos Callón, persoas do mundo da cultura e do ensino darán lectura ao manifesto Queremos galego na escola. Estarán, entre outr@s, o actor que dá vida a Carmelo Matalobos, Luís Iglesia; e o músico Xurxo Souto. As voces de Uxía e Sés porán ritmo a un acto conducido polo tamén actor Pepe Penabade.

A AGAL, con lema e faixa propias: 'A nossa língua é internacional'

Como en todas as mobilizacións en defensa do galego, a Associaçom Galega da Língua, AGAL, participará este domingo con faixa propia e baixo o lema A nossa língua é internacional. Desta volta a novidade será un manifesto intitulado en inglés, Keep calm and teach/learn galician portuguese (Manteña a calma e ensine/aprenda galego-portugués).

Imitando o cartaz que o goberno británico emitira perante a posibilidade de que Alemaña bombardease Londres, coa mensaxe Keep calm and carry on (Manteña a calma e continúe), que xa foi versionado no Parlamento de Catalunya para unha protesta contra a LOMCE, Keep calm and speak catalan, pois a lei do ministro Wert pon en xaque a inmersión lingüística en catalán e impón que se financie con diñeiro público o ensino en castelán na privada.

Comentarios