Como dicilo?

Mallar

photo_camera Moitos van mallar e veñen mallados

Mallar é, primitivamente, bater cun instrumento agrícola chamado mallo para separar o gran da palla nos cereais despois da colleita. Ese labor, en tempos efectuado manualmente na eira e hoxe por aparatos mecánicos, é a malla.

Posteriormente, o verbo mallar pasou a significar en xeral ‘bater’ para referirse a todo tipo de golpes e todo tipo de momentos e finalidades nos que tivesen lugar. Converteuse nun sinónimo máis de bourar, zoupar ou zoscar

 

Na fraseoloxía galega aparecen tanto o primeiro contexto como a súa ampliación. Así, unha frase tradicional é Mallar [en alguén ou en algo] coma en centeo verde é dicir bater con moita forza, dar sen dó, sen contemplacións. Enténdese que separar o gran require petar con máis forza canto máis verde estea a espiga. Igualmente sabemos ben que para traballar o ferro é preciso roxalo, poñelo ao roxo, a unha temperatura que permita moldealo, darlle forma, e de aí que cando dicimos dunha acción que é como mallar en ferro frío signifique caracterizala como inútil, infrutuosa, totalmente afastada do resultado pretendido. Pola contra, o refraneiro aconsella aproveitar a situación cando as condicións son favorabeis : A ferro quente non parar de bater.

 

Ir mallar e vir mallado expresa moi ben a situación dunha persoa que recibe o resultado totalmente contrario ao que esperaba. É equivalente ao español ir por lana y volver trasquilado.

 

Unha malleira é, logo, unha tunda, unha zurra, unha tolena, unha trepia, unha de tantas palabras galegas sinónimas. Nalgunhas das que se formaron a partir do verbo mallar produciuse a substitución do son m polo son p (moi próximos entre eles) debido ao cruce entre as palabras malla e palla, e apareceron as variantes palleira, pallusca/pallosca (e chosca), pallougada, empregadas a miúdo nun contexto de competición deportiva ou de xogo e a un nivel coloquial (Por exemplo : Pensaron que ían gañar e levaron unha pallosca).

 

Lembramos, de pasada, a frase tradicional Non se fai palleiro sen palla coa que animamos a outros a comer ou nos xustificamos nós de facelo dun xeito que outros coidan excesivo.

 

Naturalmente, debemos distinguir a acepción de mallar ‘bater co mallo separando o gran da palla’, labor agrícola, do outro mallar ‘coller con malla no mar’, labor mariñeiro que se fai coa rede, coa malla de pescar.

 

E como remate diremos que tamén a un nivel coloquial e dentro dun contexto mais ou menos familiar se emprega ás veces o verbo mallar co significado de ‘facer perfectamente unha acción’, (sentido equivalente ao que pode tomar o español bordar). Por exemplo: Tiña medo en non aprobar o exame e ao final saíulle mallado.

 

Seguro que estamos empregando o verbo mallar, orabén: de mallo ou de malla?

 

Comentarios