Como dicilo?

Mal, e a peor

photo_camera Moitas veces estás na corte e non ves as vacas

Ás veces ofuscámonos ante un problema difícil e non lle damos atopado solución, non damos visto a saída, mesmo que a teñamos de diante dos ollos. Como di unha frase feita  utilizada en distintas linguas: as árbores non nos deixan ver o bosque.

Esta situación é descrita tradicionalmente en galego con frases dunha mesma estrutura, na que facemos variar sinxelamente os elementos que denominan o conxunto e mais as partes integrantes. Dicimos así :

    Estar na aldea e non ver as casas
    Estar na horta e non ver as verzas
    Estar na leira e non ver os coleiros
    Estar na parra e non ver as uvas
    Estar na corte e non ver as vacas

Todas estas frases, que seguen o mesmo padrón, empréganse para caracterizar unha situación momentánea, transitoria, pasaxeira (aínda que poida durar moito). Se quixermos aludir a unha situación permanente, derivada das carencias da persoa que a protagoniza utilizariamos outro modelo: ir ae non… como temos en ir á fonte e non ver a auga ou ir ao mar e non atopar auga. Así podemos escoitar: 

Ese é dos que vai ao mar e non atopan auga

Tratando de escapar dunha  má situación  podemos ter éxito ou non ; por veces fuximos dun perigo e damos noutro, estamos igual (ou peor aínda) mais cómpre sempre intentalo. Esa idea de escapar de algo e atoparse co mesmo –ou peor-   é a que transmite unha frase tradicional moi coñecida e que ten múltiples variantes :

    Fuxir do lume e caír nas brasas
    Fuxir do lume e caír na borralla
    Fuxir do fogo e caír na brasa
    Fuxir da cinza e caír nas brasas (ou na borralla)
    Fuxir da chama e caír nas brasas
    Fuxir da tixola e caír nas brasas, etc

(Repárese en que unificamos a mantenta –polas razóns que xa espuxemos no seu día- o verbo en caír)

 Esa mesma idea podemos expresala tamén coa locución fuxir do vento e collelo a un (ou collela a unha) o corisco. Por exemplo :

Fuxín do vento e colleume o corisco

Ou tamén coa de saír dun souto e meterse noutro:

Saíches dun souto e metécheste noutro

Tamén é unha idea próxima a de facer por unha banda e desfacer pola outra, gañar algo e perder parte, abrir por un lado e pechar polo outro :

Abres unha porta e pechas un portelo

Poidamos nós sempre responder como nesta cantiga :

    - Como che vai, miña prima ?
      Como che vai, miña flor ?
     Como che vai, miña prima ?
    - De cada vez a mellor !

 

Comentarios