Carlos Callón, ao banco d@s acusad@s por se revolver contra a forma deturpada 'La Coruña'

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística será xulgado esta sexta por lle reclamar ao que foi xuíz decano da cidade, Fraga Mandián, o incumprimento deliberado da Lei de normalización lingüística. A asociación fala de proceso "esperpéntico" e apunta cara a unha nova tentativa de "criminalizar" a defensa do idioma
photo_camera [Imaxe: Queremos Galego]

Esta sexta, 30 de novembro, dará comezo máis un xuízo pola lingua. Quen sentará no banco d@s acusad@s é Carlos Callón, presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado a quen foi xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, o seu incumprimento da Lei de Normalización lingüística ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña". Na Mesa denuncian que se trata de máis un xuízo "cara á criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma". 

Perante este proceso, a Mesa, quen xa se pronunciara contra o "disparate arrepiante" de solicitar 45 anos de cadea para @s cidadá(n)s galeg@s xulgad@s pola contramanifestación do 8 de febreiro de 2009, volve reclamar agora o cesamento "da caza de bruxas contra o galego" e fai un chamamento para que a Xustiza "garanta o dereito a usar e recibir información na lingua propia do país". Na liña, informou Carlos Callón que, a pesar das reiteradas queixas, as citacións que recibiu para a vista "fanse excluíndo totalmente a lingua escollida polo denunciando".

Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, un recurso presentado por Fraga Mandián derivou na vista que se producirá a finais deste mes. Callón xa fora citado para o 10 de febreiro, mais o xuízo suspendeuse despois de que o avogado recusara á maxistrada por entender que non se respectaban as garantías procesuais.

Así as cousas, o voceiro de Queremos Galego será xulgado finalmente nun proceso "esperpéntico", pois o propio Tribunal Constitucional emitiu diversas resolucións apoiando o uso único do topónimo A Coruña. O xuíz decano chegou a argumentar que empregaba a forma deturpada "por un erro ortográfico". Porén, A Mesa denuncia que "tamén no escrito desta denuncia" se empregou La Coruña. A asociación ten convocada unha concentración en solidariedade con Callón para o 30 de novembro ás 12.30 do mediodía diante dos xulgados, na rúa de Monforte.

Cómpre lembrar que o 23 de outubro dera comezo en Compostela máis un xuízo pola lingua que finalmente ficou adiado sine die. Até doce persoas sentaron no banco d@s acusad@s "por saíren á rúa o 8 de febreiro de 2009 para expresaren o seu desacordo coa manifestación contra a lingua galega que nesa data apoiaron o PP, a Falange e UPyD", e que convocara Galicia Bilingüe, segundo o comunicado de solidariedade cos e coa encausad@s emitido pola Mesa.

O colectivo en defensa da lingua apuntou que, ao igual que no xuízo contra Carlos Callón, "a única pretensión desa petición de penas desproporcionadas é criminalizar os movementos sociais" e considerou "incomprensíbel" que non se abrise ningunha investigación pola "abusiva" actuación policial aquel 8F. Para @s 12 procesad@s a acusación solicita 45 anos de cadea e 30 mil euros de multa. 

Comentarios