Máis unha remesa de alegacións contra a multa do Goberno español a Queremos Galego

A plataforma cidadá realiza un acto reivindicativo na Coruña e insiste en que a sanción pola manifestación do 17 de maio é unha medida "de represión" para frear a mobilización social.

queremos
photo_camera Cabeceira da manifestación [Imaxe: QG]


A plataforma cidadá Queremos Galego volveu presentar alegacións á sanción imposta pola delegación do Goberno español a respeito da manifestación nacional do Día das Letras, realizada o 17 de maio en Compostela. A multa chegou tres meses despois da mobilización "por uns supostos desperfectos que ninguén agás a delegación do Goberno puido observar", sinalou o voceiro da plataforma, Carlos Callón, en declaracións á imprensa.

Preguntouse Callón "por que a policía non identificou os autores das pintadas que observou", tal e como consta na denuncia. Aliás, cualificou a medida de "represiva" e enfatizou que a sanción fai parte "dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais". No concreto, a organización en defensa da lingua está acusada de "arroxar globos e ovos cheos de pintura" e de "realizar pintadas en entidades bancarias e locais comerciais". Na denuncia, á cal tivo acceso Sermos Galiza no momento en que lle foi notificada a Queremos Galego, aparecen enumeradas até oito rúas en que se terían producido estes actos, segundo a policía española fincada en Compostela, que figura como parte demandante.

A plataforma cidadá sería responsábel de escribir nunha parede 'Turismo es colonialismo'; de pintar en senllas sucursais de Deutsche Bank e Banco Santander o lema 'Lume ao capital'; e de debuxar o símbolo do feminismo no estabelecemento Oysho, pertencente á cadea Inditex. A consideración destes feitos é de "infracción grave", sancionada con pena pecuniaria --multa-- de entre 300,02 e 6010,12 euros que deberá abonar a organización da manifestación. Na mesma altura e por feitos semellantes foi imposta a mesma sanción á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto en relación á mobilización nacional do 16 de xuño.

Comentarios