Máis concellos polo Apego

Xa son 30 os municipios participantes neste proxecto de socialización da infancia en galego. Máis de 2.500 familias formalmente adheridas, máis de 400 actividades desenvolvidas ou case 250.000 visualizacións de vídeos son algunhas das cifras do programa.

apego

Novos concellos súmanse a Apego, o proxecto de solicialización da infancia en galego.  Ademais de nos 23 municipios en que xa se viña desenvolvendo, agora está xa en marcha o proxecto Apego tamén en Lugo e Sada, e nos próximos meses estarao ademais en Cee, Nigrán, O Carballiño, Ponteareas ou Vilagarcía de Arousa, que se suman a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes (aproximadamente a metade da do país), entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Boa acollida e recoñecemento

O proxecto Apego naceu para incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia. Unha aposta que está a ter recoñecemento, como o que se expresa a través dos dous máis importantes premios a iniciativas normalizadoras que hai no país: o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña e o Premio da Cultura Galega da Xunta de Galicia, na modalidade de Lingua.

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise, así, unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente máis de 2.500–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos.

Comentarios