Catálogo da Mesa

Máis de cen agasallos en galego

Desde camisolas a cadernos pasando por xornais, alimentos, xogos e decoración. A Mesa pola Normalización Lingüística edita un catálogo en que recolle máis de cen propostas de compras e agasallos en galego.

unnamed

Chega unha época de compras de agasallos e A Mesa pola Normalización Lingüística convida a facer galanos en galego. Para iso, vén de editar un catálogo cun cento de propostas que valorizan as empresas que empregan a lingua con normalidade. “Facendo presentes en galego como consumidoras e consumidores estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”, sinala a asociación nun comunicado de imprensa.

Á vez, A Mesa informa de dez razóns polas cal deberiamos agasallar en galego. Así, a asociación explica que “temos dereito a escoller, e quen escolle a nosa lingua tamén nos escolle a nós”, que “o galego nos identifica como cidadás e cidadáns no mundo. Prestixiar o galego é prestixiármonos nós mesmas” e que “recibiremos unha atención máis personalizada e próxima”.

Aliás, lembra que agasallando en galego contribuiremos á creación e mantemento de postos de traballo no noso país, “apostar por estas empresas é apostar por crear postos de traballo na nosa terra” e afirma que “apostando por empresas que asumen a súa responsabilidade social”. Anima ademais a “apoiar empresarios e empresarias que fan un esforzo polo uso do galego” e pon de manifesto que “dun xeito amábel e directo podemos facer máis polo noso idioma que moitas campañas de divulgación; apoiando activamente as empresas que apostan polo galego estamos facendo moito por promovermos o galego no ámbito socioeconómico”.

A Mesa pola Normalización Lingüística tamén salienta que elixíndomos presentes en galego “contribuiremos a que outras empresas usen o noso idioma de xeito normal” e que “os produtos etiquetados en galego teñen tanta ou máis calidade que outros”. E é que “a lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesanal”. Engade que “as empresas que usan o galego, interna e externamente, entenden que o noso idioma é un elemento positivo para a súa imaxe”.

O catálogo publicado pola Mesa forma parte do proxecto Abertos ao Galego, que certifica o compromiso coa normalización de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole. "Todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións", recorda o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua". 
 

Sermos O Diario Galego

Entre as propostas que recolle A Mesa pola Normalización Lingüística no catálogo atópase a presubscrición a Sermos O Diario Galego. Unha excelente opción para agasallar a quen busca un diario galego en papel e a quen bota en falta nos diarios en papel temáticas como o traballo, a cultura, a ecoloxía, os feminismos, a propia lingua, a diáspora, a economía, a memoria, a historia ou os dereitos e liberdades civís.

Podes consultar o catálogo nesta ligazón.

Comentarios