Máis de 40.000 escolares participaron no Correlingua

Máis de 40.000 escolares participaron nesta XIV edición do Correlingua que se desenvolveu en doce cidades e vilas do país. “Un éxito de participación e implicación do alumnado e profesorado”, valora o novo presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira. 

Correlingua
photo_camera Correlingua

Co Correlingua de Foz púxose fin ás doce carreiras pola lingua que implicaron con entusiasmo á xente nova na defensa do galego. Máis de 40.000 participantes é o balance final dunha actividade que non se limita ás carreiras populares senón que integra concursos, actos culturais e demais accións encamiñadas a achegar de forma festiva e ilusionada ás crianzas na defensa do galego. 

Para o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, o desenvolvemento desta nova edición do Correlingua supón “un éxito de participación, a actividade mantense con dignidade grazas á implicación do profesorado e alumando que respostaron de maneira activa na elaboración de materiais e na difusión e participación na iniciativa”. A cultura estivo tamén presente nas doce citas do Correlingua, con diversas actuacións literarias ou musicais. 

Despois de se iniciar en Pontevedra, cunha participación de 1.200 escolares que deron “un paso adiante” polo galego, a carreira do idioma prolongouse até o día 16 de maio visitando unha ducia de vilas e cidades. Compromiso, deporte, diversión e convivio para garantir presente e futuro para a nosa lingua co lema  'Galego, o paso adiante' 

Doce citas

Despois de Pontevedra, o Correlingua pasou por Compostela, Lugo, Ferrol, Monforte, Vigo, Tui-Baixo Miño, A Estrada, O Morrazo, Ourense, A Coruña e Foz.

O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de vídeo, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

O Correlingua  é unha iniciativa impulsada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo.

Comentarios